mércores, 17 de novembro de 2021

RUTA POLA RIBEIRA SACRA CON XABIER QUIROGA

 O pasado día 14, varias persoas do equipo da nosa Biblioteca e do Club de lectura participamos nunha actividade convocada polo CAFI: un roteiro literario polos espazos da última novela de Xabier Quiroga, O baile dos estorniños, acompañados e guiados polo autor.





Recomendámosvos a lectura desta novela que, aínda que é un pouco longa, paga a pena. 

Podedes tamén botar unha ollada a esta entrada  do blog do noso Club de lectura, onde falamos tamén das outras dúas que forman esta chamada "triloxía da Ribeira Sacra"

luns, 15 de novembro de 2021

EXPOSICIÓN AS ANTAS DA COSTA DA MORTE

 Como puidestes ver ao pasar por ela, xa están instalados os 20 paneis da exposición "As antas da Costa da Morte", que nos presta o SEMESCOM, unha das asociacións coas que colaboramos, para que poidamos coñecer mellor estes importantísimos elementos do noso patrimonio. Xa sabedes que Vimianzo é un dos concellos máis ricos en monumentos megalíticos, así que está ben dispor de información sobre eles, ou polo menos sobre os máis importantes. 

A exposición estará no noso centro ata a volta das vacacións do Nadal.


Como non nos caben os 20 paneis na biblioteca, tivemos que "colonizar" gran parte do corredor do edificio da ESO. Así tamén os podedes ver aínda que a biblioteca estea pechada.  Pero ide con coidado, que é fráxil!






martes, 2 de novembro de 2021

QUE MEDO!

Tal como avanzamos na entrada anterior, o alumnado do Obradoiro de teatro e de Iniciación ás Artes Escénicas, de 1º e 2º de ESO, pasou pola Biblioteca buscando entre os nosos clásicos historias para ler e representar, ou tamén inspiración para crear os seus propios contos de medo.



Os nenos e nenas de 1º leron os contos creados por eles mesmos na Aula de usos múltiples e na biblioteca




Os de 2º optaron por poñer en escena dous contos de dous dos nosos narradores do século XX: Ánxel Fole e Rafael Dieste.

De Fole representaron Os lobos

E de Dieste outro clásico, que podedes ver nesta ligazón:

Sobre a morte de Bieito