Amosando publicacións coa etiqueta Costa da Morte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Costa da Morte. Amosar todas as publicacións

martes, 25 de outubro de 2022

Publicacións da Costa da Morte

Acaba de saír do prelo este libro, e vimos de recibilo na nosa Biblioteca por doazón do Concello de Ponteceso, a terra deste importante personaxe da nosa bisbarra. 


Francisco Mourelle de la Rúa, natural de Corme (Ponteceso), foi un dos máis importantes navegantes do século XVIII. Participou en importantes expedicións explorando a costa de América do Norte, desde California ata Alaska. 

As anotacións e descricións que fixo no seu diario foron publicadas e inglés e utilizadas por exploradores tan importantes e coñecidos como Cook ou La Pérouse.

Posteriormente participou tamén noutras importantísimas expedicións de exploración de varias illas do Pacífico, descubrindo e nomeando moitas delas.

Por último, de volta en España, participou tamén na guerra naval contra as tropas de Napoleón.

Os seus restos repousan no Panteón de Mariñeiros Ilustres de Cádiz.


luns, 17 de outubro de 2022

ANDANDO DE TRABA A CAMELLE

 Como sabedes, a Biblioteca colabora con varios Departamentos do centro na organización e realización de diversas actividades. Nesta ocasión, co de Educación Física, ofrecendo información para preparar unha serie de roteiros pola contorna máis próxima, e axuda para guialos.

O primeiro deles foi o que realizamos o pasado venres 14 co alumnado de 2º curso da ESO, seguindo parcialmente unha das etapas do Camiño dos Faros, entre os lugares de Traba (Laxe) e Camelle (Camariñas), e pasando tamén pola costa de Vimianzo-

Ah, que non sabiades que Vimianzo ten costa? Pois ten, non moita pero algo aínda, nos fermosos coídos de Sabadelle e da Señora. O que non demos sabido de xeito definitivo é se estes dous lugares pertencen á parroquia de Carantoña, á de Pasarela ou ás dúas. Isto queda para unha próxima investigación.

Aquí vos deixamos algunhas imaxes desta estupenda xornada:

 

 

 


luns, 9 de maio de 2022

NOVO POEMARIO DE ANTÓN RECAMÁN

Antón Recamán? 

Se cadra algúns de vós pensades que non coñecedes este poeta, pero eu dígovos que si, claro que o coñecedes, porque non é nada mais e nada menos que o voso profe Antón Riveiro.

Moitos xa o sabiades porque xa presentamos aquí o seu primeiro libro, As mans atlánticas da ausencia



Hoxe pasou de novo pola nosa Biblioteca para presentarnos o seu segundo traballo, Alén do corpo, e tamén para conversar cos membros do club de lectura e outras persoas, tanto profesorado como alumnado, que se achegaron tamén para facerlle preguntas e comentarios,  para que lles asinase os libros, e para escoitar de primeira man o relato da súa experiencia como poeta e do proceso de creación das súas obras.

Parabéns e grazas, Antón.


   



xoves, 5 de maio de 2022

SEGUIMOS ENSINÁNDOVOS PUBLICACIÓNS DA COSTA DA MORTE

 Como vimos facendo ao longo do curso, e agardamos continuar o próximo, queremos animarvos a coñecer a nosa bisbarra a través de diversas publicacións dos seus autores e autoras. 

Hoxe queremos presentarvos dúas obras dedicadas a cadanseu río: 


O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira, editado polo SEMESCOM, do que podedes ler aquí un interesante comentario de Manuel Vilar, historiador e actualmente director do Museo do Pobo Galego 




_ O Anllóns, arteria principal de Bergantiños, que editou máis recentemente o Instituto de Estudos Bergantiñáns.



Trátase de dúas lecturas moi interesantes pois nas dúas se describe moi polo miúdo non só o propio río e os lugares que percorre, senón tamén outros aspectos culturais, patrimoniais, lingüísticos, etc. Esperemos que alguén se decida a publicar un traballo similar sobre o río Xallas, o outro grande da Costa da Morte.

Mentres tanto, convidámosvos a pasar pola Biblioteca e botarlle unha ollada a estes dous.

luns, 4 de abril de 2022

EXPOSICIÓN E CONCURSO ENRIQUE LABARTA POSE

Continuando co noso plan de darvos a coñecer autores e obras relacionadas coa Costa da Morte, hoxe presentámosvos un clásico.

Desde hoxe, e ata o venres 29 deste mes, podedes visitar na nosa Biblioteca a exposición sobre a figura do escritor de Baio Enrique Labarta Pose que nos cede temporalmente o Concello de Zas. 

Labarta foi un poeta, narrador e dramaturgo do século XIX, contemporáneo de grandes figuras do Rexurdimento galego.

Non vos imos dar aquí máis datos sobre a súa vida e a súa obra porque queremos que o coñezades por vós mesmos. 

Cando veñades pola biblioteca veredes que sobre unha mesa, e tamén fóra, tedes á vosa disposición a convocatoria e os materiais para que poidades participar nun concurso sobre este personaxe. Hai varias modalidades de participación, podedes escoller as que prefirades, ou ben xogar en todas.

Todas as respostas están na propia exposición, e tendes ata o remate deste mes para atopalas.

Animádevos a participar!







venres, 25 de marzo de 2022

VISITA DE ALEJANDRA RAMA

 Onte recibimos a visita dunha autora nova pero coñecida para nós, pois é de Vimianzo e foi alumna deste centro.

Trátase dunha moza que vén de publicar o seu primeiro libro, Poesía vivencial, e veu ao IES para presentárnolo nun encontro con alumnado e profesorado da ESO

Parabéns, Alejandra!

(Aínda non nos chegaron os exemplares do libro, pero en breve estarán aquí para que os poidades ler)




Podedes ver máis imaxes nesta ligazón que vos leva á páxina do instituto


luns, 21 de marzo de 2022

NAUFRAXIOS

 Dentro do noso plan de coñecemento da bisbarra na que estamos, e como non todo o saber está nos libros senón que hai outros medios de acceso á información, hoxe asistimos á presentación dun proxecto de documental sobre a nosa costa, e en concreto sobre os naufraxios que nela se produciron e as investigacións en torno a eles. 

Como por motivos técnicos non temos imaxes desta actividade, convidámosvos a que vexades a reseña que aparece na páxina principal do IES, á que podedes acceder seguindo esta ligazón.

luns, 13 de decembro de 2021

MÁIS PUBLICACIÓNS DAS COMARCAS DA COSTA DA MORTE

 Como xa sabedes, este curso queremos ir dándovos a coñecer algunhas das publicacións que temos sobre a Costa da Morte, ou de autores e autoras destas comarcas.

Hoxe presentámosvos un libro moi interesante sobre a comarca na que estamos, a Terra de Soneira. Non é unha guía: é moito máis, porque contén información sobre xeografía, historia, patrimonio, cultura, lingua, tradicións... Podedes botarlle unha ollada cando pasedes pola Biblioteca


E tamén queremos que vexades estes dous libriños do noso veciño da Piroga-Bamiro, o investigador Xosé María Rei Lema. Trátase, o primeiro deles, dunha recompilación de textos sobre a  Costa da Morte, publicados por distintos autores e autoras en diferentes épocas. E o outro é un dicionario de escritores e escritoras da Costa da Morte.

Xa foron publicados hai varios anos, polo que non aparecen nin os autores que empezaron a publicar máis tarde nin os últimos textos posteriores á publicación dos libros, pero aínda así resultan moi completos e interesantes.




luns, 15 de novembro de 2021

EXPOSICIÓN AS ANTAS DA COSTA DA MORTE

 Como puidestes ver ao pasar por ela, xa están instalados os 20 paneis da exposición "As antas da Costa da Morte", que nos presta o SEMESCOM, unha das asociacións coas que colaboramos, para que poidamos coñecer mellor estes importantísimos elementos do noso patrimonio. Xa sabedes que Vimianzo é un dos concellos máis ricos en monumentos megalíticos, así que está ben dispor de información sobre eles, ou polo menos sobre os máis importantes. 

A exposición estará no noso centro ata a volta das vacacións do Nadal.


Como non nos caben os 20 paneis na biblioteca, tivemos que "colonizar" gran parte do corredor do edificio da ESO. Así tamén os podedes ver aínda que a biblioteca estea pechada.  Pero ide con coidado, que é fráxil!






luns, 20 de setembro de 2021

A TRANSLATIO DE CEREIXO E OUTRAS XOIAS

 Este curso queremos ir dándovos a coñecer algúns dos autores e autoras da Costa da Morte, publicacións informativas sobre esta zona, e tamén publicacións de ficción ambientadas na nosa bisbarra, que podedes consultar na nosa Biblioteca.

Utilizaremos a etiqueta "Costa da Morte" para que poidades atopar facilmente as entradas sobre este tema.

Aproveitando que o alumnado de Bacharelato foi visitar a fermosísima -e case única-  portada románica da igrexa de Santiago de Cereixo, hoxe empezaremos presentándovos este libriño sobre a iconografía xacobea na Costa da Morte, escrito por Xosé María Lema e editado polo SEMESCOM (Seminario de Estudos da Costa da Morte). É pequeno en tamaño pero moi grande en contido.



Na capa deste libro vedes, precisamente, esta magnífica portada de Cereixo, e no interior atoparedes información interesante sobre as imaxes de Santiago e outras relacionadas coa tradición xacobea.

A obra xa ten uns anos, pero volve estar de actualidade neste curso, pola celebración do Ano Xacobeo.