Amosando publicacións coa etiqueta Artes Escénicas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Artes Escénicas. Amosar todas as publicacións

venres, 24 de marzo de 2023

QUE PODES FACER ANTE UN LIBRO DE ARTE?

 Os libros de arte da nosa Biblioteca ensínannos moitas obras fermosas. Podes vir, podes mirallos... e ademais tamén podes facer coma estes rapaces e rapazas de 2º da ESO, que levaron a cabo unha actividade de Tableaux vivants, ou Cadros vivos.

Consiste precisamente en vestirse, peitearse, maquillarse, e crear a ambientación necesaria para recrear un cadro que che guste. E fotografarse, claro, para que te vexamos!

Mirade que obras de arte vivas lograron:


 

 

Isto é só unha mostra. No corredor podes ver moitas máis


martes, 26 de outubro de 2021

MÁIS CONTOS PARA O SAMAÍN

 Como sabedes, o próximo venres celebraremos o magosto e a nosa festa do Samaín, e esta semana preparámonos escoitando os rapaces e rapazas de Teatro de 1º contándonos os seus contos de medo.

Os de Iniciación ás Artes Escénicas de 2º tamén quixeron participar e escolleron un conto que forma parte dos clásicos da Literatura Galega: Os lobos, de Ánxel Fole.

Poderemos ver como o poñen en escena o venres no segundo recreo, na Sala de Usos Múltiples.



luns, 22 de febreiro de 2021

24 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA



MIÑA CASIÑA, MEU LAR

Este ano queremos conmemorar o Dia de Rosalía lembrando o poema "Miña casiña, meu lar", de Follas Novas, que será recitado-escenificado no patio polo alumnado de Obradoiro deTeatro e Artes Escénicas, acompañados por algunhas das súas compañeiras e compañeiros de 1º e 2º da ESO.

Neste poema, unha muller pobre conta un capítulo da súa loita diaria: a de sobrevivir. Esta muller,  despois de camiñar de Santiago ata Padrón, chega á súa humilde casa mollada e chea de fame. A pesar de que non ten nada e de que os seus avaros veciños lle negan o que a eles lles sobra, consegue o milagre da supervivencia facendo un humilde caldo de gloria e un bolo do pote co que calma a fame un día máis.

No seu fogar, á calor do escaso lume da súa lareira, goza do seu pequeno triunfo sobre a desgraza e a pobreza, e transmítenos a lección de como, con case nada, é quen de sobrevivir e de ser  libre e independente.

 Aquí  podedes ler o poema.



domingo, 7 de febreiro de 2021

DE FÁBULA!

 Os grupos de Obradoiro de Teatro e Iniciación ás Artes Escénicas pasaron pola Biblioteca e atoparon este libro que acababa de chegar:


Trátasse dunha selección de fábulas de Esopo  adaptadas, dun xeito sinxelo e divertido, e en verso, polo escritor  Gonzalo Navaza

O libro gustoulles, as fábulas tamén, e pensaron que sería boa idea preparar algunhas delas e contárvolas. 

Coas restricións que todos coñecedes, a posta en escena non vai ser como desexaríamos, pero aínda así pensamos que vos van gustar.

Estade atentos esta semana previa ao Entroido, porque en calquera momento podedes ter a oportunidade de asistir a un espectáculo...

FABULOSO!