Amosando publicacións coa etiqueta Novidades. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Novidades. Amosar todas as publicacións

martes, 25 de outubro de 2022

Publicacións da Costa da Morte

Acaba de saír do prelo este libro, e vimos de recibilo na nosa Biblioteca por doazón do Concello de Ponteceso, a terra deste importante personaxe da nosa bisbarra. 


Francisco Mourelle de la Rúa, natural de Corme (Ponteceso), foi un dos máis importantes navegantes do século XVIII. Participou en importantes expedicións explorando a costa de América do Norte, desde California ata Alaska. 

As anotacións e descricións que fixo no seu diario foron publicadas e inglés e utilizadas por exploradores tan importantes e coñecidos como Cook ou La Pérouse.

Posteriormente participou tamén noutras importantísimas expedicións de exploración de varias illas do Pacífico, descubrindo e nomeando moitas delas.

Por último, de volta en España, participou tamén na guerra naval contra as tropas de Napoleón.

Os seus restos repousan no Panteón de Mariñeiros Ilustres de Cádiz.


luns, 10 de outubro de 2022

DÍA DA SAÚDE MENTAL

 Hoxe conmemórase o Día Internacional da Saúde Mental.

Lembrámosvos que na vitrina do exterior da biblioteca podedes ver unha selección de libros relacionados con este tema, varios deles novidades acabadiñas de chegar ao noso catálogo.

Pero non esquezades que temos máis. Entrade e preguntade!





venres, 1 de abril de 2022

ALGUNHAS NOVIDADES

 Como hoxe empeza o mes de abril, e mañá, como sabedes, conmemoramos o Día do libro infantil e xuvenil (aínda que xa sabedes que para nós os días do libro son todos os días do ano), non queriamos deixar de amosarvos algunhas das novidades que foron chegando a esta Biblioteca. 

O mellor é que veñades velas, pero mentres tanto aquí van algunhas:







martes, 5 de outubro de 2021

ALGUNHAS NOVIDADES

 Xa van chegando á nosa Bibliosoneira libriños novos, que podedes ver nos expositores da Biblio e tamén nos do corredor.

No blog tamén volos iremos amosando de cando en vez, pero o mellor é que pasedes pola biblioteca e os miredes vós mesmos.

Aquí vos ensinamos algúns. Como vedes, hai algo de todo: en galego, en castelán, en francés, inglés, portugués... Empezan a chegar tamén libros informativos de temáticas diversas e, como non, algo que vos gusta tamén moito: banda deseñada, manga, novela gráfica. E tamén temos, e teremos máis, publicacións máis adaptadas para os máis novos, ou para os que non se lles dá demasiado ben a lectura: máis pequenos, máis doados de ler, con moita ilustración... en fin, hai para todos os gustos. Só faltades vós, lectoras e lectores. 

Visitádenos; na Bibliosoneira sempre sodes benvidos 🙋👋









martes, 13 de abril de 2021

NOVIDADES EN BANDA DESEÑADA

 Continuamos ensinándovos algunhas das últimas adquisicións para a nosa biblioteca. 

Esta vez toca amosar algúns cómics novos. A ver se vos gustan

Esperamos os vosos comentarios!






xoves, 8 de abril de 2021

MÁIS NOVIDADES

 Seguimos amosándovos as novas incorporacións ao noso fondo bibliográfico.

Aquí vos deixamos unha pequena mostra das últimas novidades adquiridas para a nosa biblioteca. Nesta ocasión trátase de poesía de diversos autores moi actuais.

Botádelles unha ollada.








sábado, 20 de marzo de 2021

Novidades primaverais na Bibliosoneira

 Coa chegada da primavera, queremos compartir convosco unha serie de propostas de lectura na nosa lingua que consideramos moi axeitadas para o noso alumnado da ESO.

Para 1º da ESO recomendámosvos Camiño perigoso, de Ánxela Loureiro. Vén de reeditarse na colección Fóra de Xogo de Xerais, despois de ser publicada na colección Merlín no ano 2002. 


A historia está ambientada na época das revoltas irmandiñas na zona norte da provincia da Coruña. Unha rapaza de 13 anos emprende a busca para atopar aos seus pais, enfrontados ao señor feudal da zona. Nesta procura atopará amigos e inimigos e vivirá varias aventuras.

Para 2º da ESO, quentiño e acabado de saír do prelo, a nova publicación de Carlos Negro, Non cantan paxaros neste bosque. Tamén publicado na colección Fóra de Xogo, trátase dun libro de relatos que inclúe 9 propostas narrativas que teñen e común seren protagonizadas por alumnado de instituto e pertencer á temática do medo e o misterioso.


Para o alumnado de 3º e 4º da ESO traemos a serie de Berta Mir, detective. Trátase dunha serie de libros de Jordi Sierra i Fabra que pertencen ao xénero da novela de detectives. Berta Mir é unha rapaza de 18 anos que se fai cargo da axencia de detectives do seu pai en Barcelona despois de que este sufrira un intento de asasinato. O seu traballo como detective entrecrúzase cos seus estudos, a súa vida persoal e o seu grupo de rock preferido.

Ata o de agora, a serie está composta por 3 títulos: O caso do falso accidente (2018), O caso de papagaio que falaba de máis (2019) e O caso do chantaxista roibo (2020), publicados na colección Costa Oeste da Editorial Galaxia.








domingo, 7 de febreiro de 2021

DE FÁBULA!

 Os grupos de Obradoiro de Teatro e Iniciación ás Artes Escénicas pasaron pola Biblioteca e atoparon este libro que acababa de chegar:


Trátasse dunha selección de fábulas de Esopo  adaptadas, dun xeito sinxelo e divertido, e en verso, polo escritor  Gonzalo Navaza

O libro gustoulles, as fábulas tamén, e pensaron que sería boa idea preparar algunhas delas e contárvolas. 

Coas restricións que todos coñecedes, a posta en escena non vai ser como desexaríamos, pero aínda así pensamos que vos van gustar.

Estade atentos esta semana previa ao Entroido, porque en calquera momento podedes ter a oportunidade de asistir a un espectáculo...

FABULOSO!

ALGUNHAS NOVIDADES

 Aquí podedes ir vendo  libros, cómics e outras publicacións que fomos adquirindo durante este curso e que vos imos ensinando.

Comezamos con:

Biblioteca inclusiva. Libros con temáticas diversas relacionadas coa inclusión, a iterculturalidade, a diversidade... e tamén libros dos chamados de "lectura fácil", máis acaídos para aquelas persoas que non lles gusta tanto ler, que o fan con algunha dificultade ou simplemente que prefiren libros "non tan gordos"

Algúns exemplos en galego:


Outros en castelán:

E tamén temos libros ilustrados, cómics e novelas gráficas con estas mesmas temáticas. Aquí podedes ver algúns exemplos


Todos eles e moitos máis agárdanvos na Biblioteca. Esperamos que vos gusten

Boa lectura!