Coa chegada da primavera, queremos compartir convosco unha serie de propostas de lectura na nosa lingua que consideramos moi axeitadas para o noso alumnado da ESO.
Para 1º da ESO recomendámosvos Camiño perigoso, de Ánxela Loureiro. Vén de reeditarse na colección Fóra de Xogo de Xerais, despois de ser publicada na colección Merlín no ano 2002.
A historia está ambientada na época das revoltas irmandiñas na zona norte da provincia da Coruña. Unha rapaza de 13 anos emprende a busca para atopar aos seus pais, enfrontados ao señor feudal da zona. Nesta procura atopará amigos e inimigos e vivirá varias aventuras.
Para 2º da ESO, quentiño e acabado de saír do prelo, a nova publicación de Carlos Negro, Non cantan paxaros neste bosque. Tamén publicado na colección Fóra de Xogo, trátase dun libro de relatos que inclúe 9 propostas narrativas que teñen e común seren protagonizadas por alumnado de instituto e pertencer á temática do medo e o misterioso.
Para o alumnado de 3º e 4º da ESO traemos a serie de Berta Mir, detective. Trátase dunha serie de libros de Jordi Sierra i Fabra que pertencen ao xénero da novela de detectives. Berta Mir é unha rapaza de 18 anos que se fai cargo da axencia de detectives do seu pai en Barcelona despois de que este sufrira un intento de asasinato. O seu traballo como detective entrecrúzase cos seus estudos, a súa vida persoal e o seu grupo de rock preferido.
Ata o de agora, a serie está composta por 3 títulos: O caso do falso accidente (2018), O caso de papagaio que falaba de máis (2019) e O caso do chantaxista roibo (2020), publicados na colección Costa Oeste da Editorial Galaxia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario