venres, 25 de outubro de 2024

SEGURIDADE VIAL E ECONOMÍA

 Xa está rematando o mes de outubro!


Aquí e aquí tedes a información e imaxes de dúas actividades interesantes: a primeira, sobre seguridade vial, organizada polo Departamento de Orientación e impartida por axentes da Garda Civil de Tráfico para o alumnado de 4º da ESO.



E a segunda, un escape room financieiro no que participaron o alumnado de Ciclos e tamén os da materia de Economía, esta vez coa colaboración de Ciencia Divertida Galicia e a Fundación Mapfre.



xoves, 24 de outubro de 2024

DÍA DAS BIBLIOTECAS




 Hoxe celebramos o Día das bibliotecas, aínda que para nós todos os días son Días da Biblioteca.

Por iso hoxe só queremos convidarvos a pasar pola nosa Bibliosoneira cando queirades, xa sabedes que sodes ben recibidos en todos os recreos e tamén en moitos dos momentos nos que algún membro do equipo da biblioteca ten algún tempo para abrirvos as portas.

E como se está achegando o Samaín, ademais de expoñer unha selección de lecturas de medo e misterio, tamén a decoramos un pouco para a ocasión.

Podedes ver algunhas imaxes premendo nesta ligazón ou, mellor aínda, visitándonos persoalmente.

venres, 18 de outubro de 2024

PORTAS TERRORÍFICAS E DISFRACES DE PELÍCULA


 SAMAÍN!


Xa está aquí, o Samaín está a chegar. Queda moi pouquiño!

Coma sempre, convidámosvos a participar coa vosa clase no concurso de portas terroríficas. 

Animádevos a encher as vosas portas cunha decoración de meeeedooooo!!!

           



E ADEMAIS...

Este ano convocamos tamén, en colaboración con Vicedirección,un concurso de disfraces inspirados en libros e películas de terror. Será o día da festa do Samaín, que celebraremos o mércores 30. Seguro que se vos ocorren moitos, pero para inspirarvos tedes polos corredores algunhas imaxes de personaxes moi coñecidos, coma estas, por exemplo. 




  


  

Aquí tedes as convocatorias, no Instagram do centro.


xoves, 10 de outubro de 2024

10 DE OUTUBRO: DÍA DA SAÚDE MENTAL




Ilustramos este post cunha imaxe antiga porque hoxe non lles puidemos facer fotos novas. Pero o importante é que aí están, na vitrina e dentro da biblioteca, unha selección de títulos relacionados coa saúde mental.



 



mércores, 2 de outubro de 2024

BIBLIOTECA PARA TODOS E TODAS

 




Como estamos no edificio da ESO, ás veces parece que só este alumnado é usuario da nosa biblioteca, pero sabedes que non é así: por aquí pasa todo o mundo.

Por exemplo, a semana pasada recibimos os rapaces e rapazas do Ciclo Medio de Xestión Administrativa, que pasaron a tarde creando e traballando en equipo.


Aquí tes a nova no noso "insta"

martes, 1 de outubro de 2024

PONTE NA SÚA PEL

 




PONTE NA SÚA PEL foi o título da actividade desenvolvida hoxe polo alumnado dos dous últimos cursos da ESO, con motivo do Día Internacional das persoas maiores.

Un equipo de voluntarios e voluntarias da Cruz Vermella, coordinados polo doutor Aurelio Trillo, axudaron aos rapaces e rapazas a experimentar como se sente unha persoa de idade avanzada, mediante a simulación de dificultades e patoloxías propias da terceira idade. Unha actividade moi interesante e produtiva.

Aquí podedes ver máis información e imaxes da actividade


CHEGOU OUTUBRO!

E CON OUTUBRO CHEGA, COMA SEMPRE...

a Bibliosoneira funcionando a pleno rendemento nos recreos.


E ADEMAIS...

Se queredes participar nos nosos clubs de lectura, o de lecturas xerais ou o de cómic-manga (ou os dous), está aberto o prazo para inscribirse, ata o día 14 deste mes.

Bulide, que dúas semaniñas logo pasan!