domingo, 21 de febreiro de 2021

ENCONTRO CON ROCÍO LEIRA

 Mañá luns recibiremos a visita da escritora Rocío Leira Castro, que ademais de ser unha autora de gran éxito, é case veciña nosa, pois naceu aquí mesmo, na Pereiriña (Cee)


Falará co noso alumnado de 3º da ESO e co seu profesor Lucas da Fontela sobre o libro co que estiveron traballando, Veleno en familia (Baía Edicións, 2019), que foi finalista do premio Vilar Ponte, e  que é, segundo o xurado, “unha radiografía da sociedade galega actual” con “dinamismo narrativo e polifonía de voces”, que realiza “unha excelente recompilación de fraseoloxía de linguaxe popular” e que contén “unha análise da situación específica das mulleres”.



Rocío é licenciada en Matemáticas e actualmente dirixe en Santiago de Compostela un centro de formación para universitarios.

Recibiu varios premios como o Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores (2009), o Premio Xosé M. López ardeiro (2015), o Avelina Valladares (2016) e o Premio de Poesía Manuel María (2017), e foi finalista noutros, como o xa citado Premio de Novela Vilar Ponte, en 2018, ou o Jules Verne de Literatura Xuvenil en 2019.

Ademais desta interesantísima novela, na nosa biblioteca podedes atopar tamén outras obras desta autora, como por exemplo, Universo Pitágoras ou Trescatorcedezaseis (2020). E estamos á espera de ofrecervos tamén a última, A afogada (2021) coa que vén de gañar o Premio Ánxel Fole de Narración Curta do Concello de Lugo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario