martes, 13 de abril de 2021

NOVIDADES EN BANDA DESEÑADA

 Continuamos ensinándovos algunhas das últimas adquisicións para a nosa biblioteca. 

Esta vez toca amosar algúns cómics novos. A ver se vos gustan

Esperamos os vosos comentarios!






xoves, 8 de abril de 2021

MÁIS NOVIDADES

 Seguimos amosándovos as novas incorporacións ao noso fondo bibliográfico.

Aquí vos deixamos unha pequena mostra das últimas novidades adquiridas para a nosa biblioteca. Nesta ocasión trátase de poesía de diversos autores moi actuais.

Botádelles unha ollada.








mércores, 7 de abril de 2021

Novidades de Abril na Bibliosoneira

 Xa temos na Biblio o último libro de Rocío Leira, a escritora que nos visitou o febreiro. Trátase de A afogada (Xerais, 2021), unha narración que obtivo o Premio Ánxel Fole de Narración curta do Concello de Lugo.



Nesta novela Laura Suárez, unha moza de dezanove anos altamente sensitiva e perfeccionista, desaparece entre as bravas ondas da praia de Riazor despois dunha noite de festa con dous amigos. Todo indica que se trata dun fatídico accidente, pero pasan os días e o seu corpo non aparece. Manuel Cifuentes, rescatador mariño con ampla experiencia, cre que a súa morte non foi accidental e que os acompañantes da rapaza agochan algo.

 

2 de Abril: Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

IBBY (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día do Libro Infantil o 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian AndersenO obxectivo é promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos. 


 

A sección patrocinadora deste ano é EEUU que difunde a mensaxe de Margarita Engle, ilustrada por Roger MelloA música das palabras

Aquí tedes un enlace ao díptico editado por GALIX coa tradución ao galego: 


xoves, 1 de abril de 2021

O PRIMEIRO DE ABRIL VAN OS BURROS ONDE NON DEBEN IR

Pois si, o 1 de abril é, segundo a tradición, o día das mentiras e as brincadeiras. 




Na maior parte de España e os países hispanos o 28 de decembro, día que se cita na Biblia como o da matanza dos Inocentes, celébrase facendo o que chaman "inocentadas", é dicir, bromas, enganos e brincadeiras diversas. Mesmo nos medios de comunicación existe o costume de inserir neste día algunhas noticias falsas para divertirse á conta da inxenuidade do público que as toma por verdadeiras. 

En cambio na tradición galega isto mesmo facíase o primeiro día de abril. Co tempo esta tradición foi quedando desprazada pola dominante dos "inocentes" hispanos, aínda que nos últimos anos estase a revitalizar.

Onde nunca se perdeu, e se segue a celebrar desde sempre este día do 1º de abril, é na maior parte dos países de Europa, como o Reino Unido (April Fool´s Day), Francia (Poisson d'avril), Italia (Pesce d'aprile), Portugal, Alemaña, Polonia, Austria, Bélxica, Finlandia, Eslovaquia, Croacia... e tamén fóra do noso continente, en lugares tan afastados como os Estados Unidos, Canadá, Brasil, Xapón ou Australia. En xeral nos países que quedan fóra do ámbito da cultura hispana.

Por que o 1 de abril e non outro día calquera?

A mediados do século XVI cambiouse o calendario existente ata daquela, segundo o cal o ano vello remataba a finais de marzo  -coa fin do inverno- e comezaba o novo a primeiros de abri, coincidindo coa primavera. 

Este antigo calendario foi substituído, mediante un decreto real, polo novo calendario, o famoso calendario gregoriano, segundo o cal o ano comezaba o 1 de xaneiro.

Moitas persoas continuaron durante bastante tempo celebrando o ano novo o 1º de abril, mentres que os outros os ridiculizaban chamándolles os parvos ou os burros de abril, e seica foi así como se estableceu o costume de, neste día, contar noticias inventadas, invitar a festas inexistentes, mandar regalos que non eran tales ou, en xeral, facer bromas máis ou menos pesadas.

E por que en varios sitios se lles chama "peixe de abril" ás persoas vítimas das bromas? 

Iso cóntovolo outro día, que xa me está quedando este post demasiado longo 😄

Pero se tedes moita curiosidade... preguntádeme na biblioteca!


Este ano cádranos en vacacións, pero...  xa podedes ir pensando nas brincadeiras que faredes o vindeiro primeiro de abril