xoves, 1 de abril de 2021

O PRIMEIRO DE ABRIL VAN OS BURROS ONDE NON DEBEN IR

Pois si, o 1 de abril é, segundo a tradición, o día das mentiras e as brincadeiras. 




Na maior parte de España e os países hispanos o 28 de decembro, día que se cita na Biblia como o da matanza dos Inocentes, celébrase facendo o que chaman "inocentadas", é dicir, bromas, enganos e brincadeiras diversas. Mesmo nos medios de comunicación existe o costume de inserir neste día algunhas noticias falsas para divertirse á conta da inxenuidade do público que as toma por verdadeiras. 

En cambio na tradición galega isto mesmo facíase o primeiro día de abril. Co tempo esta tradición foi quedando desprazada pola dominante dos "inocentes" hispanos, aínda que nos últimos anos estase a revitalizar.

Onde nunca se perdeu, e se segue a celebrar desde sempre este día do 1º de abril, é na maior parte dos países de Europa, como o Reino Unido (April Fool´s Day), Francia (Poisson d'avril), Italia (Pesce d'aprile), Portugal, Alemaña, Polonia, Austria, Bélxica, Finlandia, Eslovaquia, Croacia... e tamén fóra do noso continente, en lugares tan afastados como os Estados Unidos, Canadá, Brasil, Xapón ou Australia. En xeral nos países que quedan fóra do ámbito da cultura hispana.

Por que o 1 de abril e non outro día calquera?

A mediados do século XVI cambiouse o calendario existente ata daquela, segundo o cal o ano vello remataba a finais de marzo  -coa fin do inverno- e comezaba o novo a primeiros de abri, coincidindo coa primavera. 

Este antigo calendario foi substituído, mediante un decreto real, polo novo calendario, o famoso calendario gregoriano, segundo o cal o ano comezaba o 1 de xaneiro.

Moitas persoas continuaron durante bastante tempo celebrando o ano novo o 1º de abril, mentres que os outros os ridiculizaban chamándolles os parvos ou os burros de abril, e seica foi así como se estableceu o costume de, neste día, contar noticias inventadas, invitar a festas inexistentes, mandar regalos que non eran tales ou, en xeral, facer bromas máis ou menos pesadas.

E por que en varios sitios se lles chama "peixe de abril" ás persoas vítimas das bromas? 

Iso cóntovolo outro día, que xa me está quedando este post demasiado longo 😄

Pero se tedes moita curiosidade... preguntádeme na biblioteca!


Este ano cádranos en vacacións, pero...  xa podedes ir pensando nas brincadeiras que faredes o vindeiro primeiro de abril



Ningún comentario:

Publicar un comentario