domingo, 26 de setembro de 2021

APETÉCECHE PARTICIPAR NUN CLUB DE LECTURA?

 



ANÍMATE A PARTICIPAR NUN DOS NOSOS

 CLUBS DE LECTURA... OU NOS DOUS!

 

  •    Podes apuntarte no Club de Lectura Letraferit, que existe desde o curso 2012-2013, e do que pode formar parte o alumnado, profesorado e persoal non docente que o desexe.  

        Reunímonos na Biblioteca do IES en horario de 3.30 a 4.30 un luns ao mes,  e nesas reunións poñemos en común as nosas lecturas, facendo propostas de lectura e comentando o que lemos ou estamos a ler.

Tamén temos un blog no que iremos poñendo algúns contidos e no que calquera lector ou lectora pode participar facendo comentarios. Podes velo nesta ligazón: http://letraferitsoneira.blogspot.com/

        Para máis información e para inscribirte podes falar con Rocío Romero ou con Chus Barbeira.

 

  •      Tamén podes participar no club de lectura de cómic e manga, que se reúne nos recreos segundo as convocatorias que vos vaia facendo o seu coordinador, que é o profesor Antón Riveiro.

        Para máis información e para inscribirte podes falar con Antón Riveiro.


PODES ANOTARTE ATA O MARTES 5 DE OUTUBRO


VOLUNTARIADO NA BIBLIOTECA

Imos comezando a nosa andaina deste curso entregando os diplomas ao equipo de voluntarios e voluntarias que colaboraron na biblioteca o pasado curso, dentro do programa de Bibliotecas Escolares Solidarias.

Aproveitamos para darlles as grazas polo seu traballo impecable durante todo o curso.

Aquí os temos cos seus diplomas. Grazas, compañeirxs!





luns, 20 de setembro de 2021

A TRANSLATIO DE CEREIXO E OUTRAS XOIAS

 Este curso queremos ir dándovos a coñecer algúns dos autores e autoras da Costa da Morte, publicacións informativas sobre esta zona, e tamén publicacións de ficción ambientadas na nosa bisbarra, que podedes consultar na nosa Biblioteca.

Utilizaremos a etiqueta "Costa da Morte" para que poidades atopar facilmente as entradas sobre este tema.

Aproveitando que o alumnado de Bacharelato foi visitar a fermosísima -e case única-  portada románica da igrexa de Santiago de Cereixo, hoxe empezaremos presentándovos este libriño sobre a iconografía xacobea na Costa da Morte, escrito por Xosé María Lema e editado polo SEMESCOM (Seminario de Estudos da Costa da Morte). É pequeno en tamaño pero moi grande en contido.



Na capa deste libro vedes, precisamente, esta magnífica portada de Cereixo, e no interior atoparedes información interesante sobre as imaxes de Santiago e outras relacionadas coa tradición xacobea.

A obra xa ten uns anos, pero volve estar de actualidade neste curso, pola celebración do Ano Xacobeo.

xoves, 16 de setembro de 2021

IMOS ALÓ!

 

BENVID@S!


Comezamos un novo curso tamén na nosa Biblioteca.

Esperamos que gocedes moito coa lectura




Xa sabedes que estas semaniñas de setembro dedicámolas a poñer en marcha a biblioteca, asignar números de lectores ás persoas que chegades novas ao Centro, ordenar, organizar, explicar o funcionamento aos novos usuarios/as, e outros traballiños necesarios. 

Pero a partir do día 4 de outubro, se todo vai ben, a Biblioteca estará xa funcionando e á vosa disposición.

Agardámosvos!