domingo, 3 de outubro de 2021

AS FLORES RADIOACTIVAS

O "XURELO" E AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ


 O pasado mes de setembro cumpríronse 40 anos da travesía do "Xurelo", un barco pesqueiro de 21 metros de eslora no que, no outono de 1981, varios activistas e xornalistas galegos embarcaron coa intención de chamar a atención da comunidade internacional e denunciar os vertidos de residuos radioactivos que oito países europeos viñan facendo na chamada Fosa de Hércules ou Fosa Atlántica, fronte á costa galega.


Entre eles ía o escritor e xornalista, vimiancés de adopción, Manuel Rivas, que o 4 de outubro, hai agora 40 anos, publicou o fermoso artigo "Unha viaxe en nome da vida",  que podedes ler 
nesta ligazón

Recoméndovos tamén  que leades esta entrada no blog Brétemas, onde podedes atopar o relato desta acción reivindicativa, e tamén algunhas imaxes.

PERO QUE TEN QUE VER TODO ISTO CO ESCRITOR AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ? - preguntaredes vós.

Pois veredes:

Despois de tres días de navegación, por fin atopáronse con dous cargueiros holandeses escoltados por unha fragata da armada dese país. Os tripulantes galegos non puideron impedir o lanzamento ao mar de gran cantidade de bidóns con material radioactivo, pero transmitirono por radio, fixeron fotografías e vídeos para documentar este feito, e finalmente lanzaron ao mar ramos de caraveis, como símbolo de que estaban ante o que se estaba a converter nun cemiterio.

Poucos anos despois, e en relación con isto, Agustín Fernández Paz publicou AS FLORES RADIOACTIVAS, unha novela que tivo no seu momento moito éxito, e que posteriormente foi reeditada incluíndo anexos sobre outros feitos como o accidente da central nuclear de Fukishima.

Este é un dos libros que merecen unha relectura, e que mellor momento ca este!




Ningún comentario:

Publicar un comentario