Na nosa biblioteca xa estamos case listos para celebrar o noso Samaín, aínda que este ano imos xuntalo co tradicional magosto, que celebraremos, como ten que ser, o próximo 11 de novembro, día de San Martiño.
Así que...
POLO SAN MARTIÑO... MEDIÑO MEDIÑO!
Mentres chega o día, estamos decorando a biblioteca, por dentro e por fóra, e axudándonos uns aos outros a crear un ambiente de terror, adornando as portas das clases e outros espazos.
Temos tamén, coma outros anos, unha pequena mostra de libros de medo e misterio, para todas as idades e en todas as linguas que se imparten no noso centro, espallada polas mesas e expositores da biblioteca.
Podedes pasar ver... e axudar, se queredes!
Ademais, o alumnado de 1º da ESO vén de rematar de ler un libro que xa é un clásico e que lles gustou moito: Escarlatina, a cociñeira defunta.
Agora van dedicar estes próximos días a crear, escribir e cociñar unha receita ao estilo de Román, o protagonista. Xa sabedes: ten que ser un prato que lles guste a vivos e mortos, así que terá que ter unha apariencia e nome noxentos pero un sabor exquisito.
O día de S. Martiño estades convidados a probalos
e votar pola mellor sobremesa do Inframundo!