mércores, 30 de novembro de 2022

MOITA ACTIVIDADE AO REDOR DO 25 N

 A nosa biblioteca colaborou ao longo deste mes na organización e realización das diferentes actividades que alumnado e profesorado levaron a cabo con motivo do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.

Algunhas destas actividades celebráronse na propia biblioteca e outras noutros espazos do centro. Por exemplo:

  • Despois de traballar sobre o tema durante todo o mes nas sesións de titoría, o alumnado de 3º ESO rematou o obradoiro de igualdade e prevención da violencia de xénero, que impartiou a técnica de igualdade do Concello
  • Xornada sobre masculinidades e feminismos, en colaboración co Concello, na que participou o alumnado de 4º ESO. Aquí podedes ler a reportaxe que publicou o xornal La Voz de Galicia sobre esta actividade:

               Ninguén quere ser machista

  • Campaña "Amor Adolescente non é control inconsciente" de prevención da violencia machista entre adolescentes, creada polo alumnado de 1º BAC. Podedes ler a noticia na prensa seguindo as seguintes ligazóns:

                En La Voz de Galicia

                En Que pasa na Costa

  • Representación teatral na Casa da Cultura: a montaxe As Mapoulas levou ao alumnado de 1º BAC a achegarse á figura de Alicia Dourado, asasinada na Coruña en 1937. Posteriormente continuaron a busca de información sobre esta muller facendo uso dos espacios e medios da nosa Biblioteca.


  • Tamén participaron nun encontro-coloquio co título Hai saída grazas a ti, no que continuaron reflexionando sobre formas de violencia normalizadas como o control ou a invasión da privacidade. 
  • Por último citamos unha actividade que se celebrou o propio día 25 e na que participamos todo o alumnado e profesorado: Dentro do Plan Proxecta Donas de si, un grupo de alumnas construíron as letras que forman a palabra NON e decoráronas con imaxes de rapazas, mozas e mulleres adultas de toda a comunidade educativa. Con esta palabra por diante, o día 25 reunímonos todos no patio para gardar un minuto de silencio polas vítimas da violencia machista. Estas letras quedarán expostas xunto as escaleiras de acceso á biblioteca e as aulas da ESO.

  




luns, 14 de novembro de 2022

MAGOSTO, XOGOS E PREMIOS

 O pasado venres, día de S. Martiño, que ben o pasamos cos xogos populares no patio, coas castañas dos de 4º, co túnel do terror da rapazada de Literatura Universal e coas sobremesas terroríficas de 1º!



Como exemplo, aquí temos os nosos Chefs do Inframundo cos seus premios: camiseta e diploma para os que fixeron as sobremesas máis votadas, e libro Os arquivos secretos de Escarlatina, que sorteamos entre toda a rapazada que participou. 

Parabéns, chefs!


(Non temos fotos dos outros premiados por agora. Engadirémolas proximamente)

venres, 11 de novembro de 2022

CHEFS DO INFRAMUNDO

 Velaí as magníficas sobremesas do Inframundo que prepararon os nosos chefs de 1º da ESO. Román e Escarlatina estarían moi orgullosos de todos eles

Que pintas terroríficas tiñan e que boas estaban todas!

 


  

  

  

  


  

  



venres, 4 de novembro de 2022

PATIOMORFOSE

 A nosa biblioteca, como sabedes, participa en varios proxectos do Centro. Un deles é o proxecto Terra, un dos plans Proxecta que ten como un dos seus obxectivos mellorar o coñecemento dos espazos que habitamos.

No noso centro queremos transformar os patios para convertelos en espazos máis integradores e acolledores. 

Hoxe tivo lugar o primeiro paso: visitounos unha arquitecta que se reuniu co alumnado de 1º de ESO para axudarlles a reflexionar sobre o patio que queren, as melloras necesarias e as achegas que podemos facer para conseguilo.

Xurdiron múltiples ideas, algunhas das cales intentaremos ir levando á práctica entre todos para acadar pouco a pouco esta transformación que chamaremos 

PATIOMORFOSE