A nosa biblioteca colaborou ao longo deste mes na organización e realización das diferentes actividades que alumnado e profesorado levaron a cabo con motivo do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.
Algunhas destas actividades celebráronse na propia biblioteca e outras noutros espazos do centro. Por exemplo:
- Despois de traballar sobre o tema durante todo o mes nas sesións de titoría, o alumnado de 3º ESO rematou o obradoiro de igualdade e prevención da violencia de xénero, que impartiou a técnica de igualdade do Concello
- Xornada sobre masculinidades e feminismos, en colaboración co Concello, na que participou o alumnado de 4º ESO. Aquí podedes ler a reportaxe que publicou o xornal La Voz de Galicia sobre esta actividade:
- Campaña "Amor Adolescente non é control inconsciente" de prevención da violencia machista entre adolescentes, creada polo alumnado de 1º BAC. Podedes ler a noticia na prensa seguindo as seguintes ligazóns:
- Representación teatral na Casa da Cultura: a montaxe As Mapoulas levou ao alumnado de 1º BAC a achegarse á figura de Alicia Dourado, asasinada na Coruña en 1937. Posteriormente continuaron a busca de información sobre esta muller facendo uso dos espacios e medios da nosa Biblioteca.
- Tamén participaron nun encontro-coloquio co título Hai saída grazas a ti, no que continuaron reflexionando sobre formas de violencia normalizadas como o control ou a invasión da privacidade.
- Por último citamos unha actividade que se celebrou o propio día 25 e na que participamos todo o alumnado e profesorado: Dentro do Plan Proxecta Donas de si, un grupo de alumnas construíron as letras que forman a palabra NON e decoráronas con imaxes de rapazas, mozas e mulleres adultas de toda a comunidade educativa. Con esta palabra por diante, o día 25 reunímonos todos no patio para gardar un minuto de silencio polas vítimas da violencia machista. Estas letras quedarán expostas xunto as escaleiras de acceso á biblioteca e as aulas da ESO.
Ningún comentario:
Publicar un comentario