xoves, 22 de decembro de 2022

IO SATURNALIA

 Agora que se achega o solsticio de inverno, o alumnado de Latín está a preparar a celebración da festa que os romanos celebraban neste tempo, as saturnais ou Saturnalia. 

Xa sabedes que na nosa biblioteca temos un apartado dedicado a lecturas informativas  e de ficción relacionadas coa Cultura Clásica, tanto grega como romana. 

Aquí poden acudir alumnos e profesorado para atopar inspiración para esta e outras actividades, así como lecturas entretidas e instrutivas.

Nesta ocasión este grupo de alumnos elaborou unha serie de postais de felicitación nas que mesturan a lingua latina con elementos propios do actual Nadal, pois esta festa coincide coa dos antigos romanos.

Estas postais enviaranas a un instituto de Barcelona, e quedamos á espera de ir recibindo as deles.

Aquí temos unha mostra:



mércores, 21 de decembro de 2022

CENTENARIO DE JOSE SARAMAGO

 

O pasado día 17 cumpríronse 100 anos do nacemento do escritor portugués José Saramago.

Con este motivo a Associaçom Galega da Língua convocou unha actividade de lectura continuada da súa obra Ensaio sobre a cegueira, na que participoaron alumnos de Lingua galega e Literatura de varios cursos, que acudiron á biblioteca para buscar as obras do autor e para preparar as lecturas dos fragmentos que lles tocou ler a cada un, e que gravaron para poder participar nesta actividade a distancia.

Aquí temos algún deles lucindo as camisetas que a AGAL lles mandou como agasallo pola súa participación.




martes, 20 de decembro de 2022

luns, 12 de decembro de 2022

20 ANOS DO DESASTRE DO PRESTIGE

 Estando como estamos en plena Costa da Morte, non podiamos deixar de lembrar aquela catástrofe que ocorreu hai agora 20 anos: o afundimento do petroleiro Prestige e as súas terribles consecuencias para as nosas costas.

O alumnado de 1º da ESO dedicou varias sesións de lectura compartida na Biblioteca, dentro da súa Hora de ler, a aprender como foi aquel suceso, ocorrido varios anos antes de eles naceren, a través da lectura de dúas obras fundamentais:

A conta atrás, unha novela gráfica reeditada recentemente, e A praia da esperanza, un libriño escrito naqueles primeiros meses da traxedia do Prestige.

   


Destas obras e doutras fontes sacaron a información necesaria para reescribir ao seu xeito a historia deste suceso, que plasmaron nuns fermosos murais que podedes ver nos corredores fronte á Biblioteca: