luns, 15 de novembro de 2021

EXPOSICIÓN AS ANTAS DA COSTA DA MORTE

 Como puidestes ver ao pasar por ela, xa están instalados os 20 paneis da exposición "As antas da Costa da Morte", que nos presta o SEMESCOM, unha das asociacións coas que colaboramos, para que poidamos coñecer mellor estes importantísimos elementos do noso patrimonio. Xa sabedes que Vimianzo é un dos concellos máis ricos en monumentos megalíticos, así que está ben dispor de información sobre eles, ou polo menos sobre os máis importantes. 

A exposición estará no noso centro ata a volta das vacacións do Nadal.


Como non nos caben os 20 paneis na biblioteca, tivemos que "colonizar" gran parte do corredor do edificio da ESO. Así tamén os podedes ver aínda que a biblioteca estea pechada.  Pero ide con coidado, que é fráxil!






martes, 2 de novembro de 2021

QUE MEDO!

Tal como avanzamos na entrada anterior, o alumnado do Obradoiro de teatro e de Iniciación ás Artes Escénicas, de 1º e 2º de ESO, pasou pola Biblioteca buscando entre os nosos clásicos historias para ler e representar, ou tamén inspiración para crear os seus propios contos de medo.



Os nenos e nenas de 1º leron os contos creados por eles mesmos na Aula de usos múltiples e na biblioteca




Os de 2º optaron por poñer en escena dous contos de dous dos nosos narradores do século XX: Ánxel Fole e Rafael Dieste.

De Fole representaron Os lobos

E de Dieste outro clásico, que podedes ver nesta ligazón:

Sobre a morte de Bieito





martes, 26 de outubro de 2021

MÁIS CONTOS PARA O SAMAÍN

 Como sabedes, o próximo venres celebraremos o magosto e a nosa festa do Samaín, e esta semana preparámonos escoitando os rapaces e rapazas de Teatro de 1º contándonos os seus contos de medo.

Os de Iniciación ás Artes Escénicas de 2º tamén quixeron participar e escolleron un conto que forma parte dos clásicos da Literatura Galega: Os lobos, de Ánxel Fole.

Poderemos ver como o poñen en escena o venres no segundo recreo, na Sala de Usos Múltiples.



domingo, 24 de outubro de 2021

HISTORIAS DE MEDO NA BIBLIOTECA

 Achégase o Samaín, e con el a tradición de contar, escoitar, escribir e ler historias arrepiantes.

Por iso os nenos e nenas do Obradoiro de Teatro, de 1º da ESO, queren facer a súa primeira aparición en público nestas datas.

Para iso viñeron á nosa Biblioteca en busca de ideas, atoparon moitos libros con relatos moi axeitados para esta época do ano, e inspirándose neles adaptaron ou crearon os seus propios



Se queredes ver como os len/contan/escenifican, achegádevos á Biblioteca nos primeiros recreos desta semana!

E non esquezades que tamén pasou por aquí o alumnado de Literatura Universal, buscando inspiración para o seu

 CONCURSO DE RELATOS TERRORÍFICOS

Dentro duns días, durante a celebración do Magosto, coñeceremos quen son os gañadores!




venres, 22 de outubro de 2021

CONCURSO! INVESTIGA SOBRE OS "DÍAS DE"

PARA REMATAR O MES DAS BIBLIOTECAS...

 QUERES XOGAR CONNOSCO?

  Participa buscando información sobre varias conmemoracións relacionadas cos libros e a lectura



    É moi doado: só tes que investigar un pouco para averiguar, de cada conmemoración, que día se celebra e por que motivo se fai nesa data.



        Cando teñas as respostas, cubre a ficha que atoparás na mesa pequena da biblioteca e deposítaa na caixa situada  sobre a mesma mesa. 
Non esquezas poñer tamén o teu nome completo e curso!




 

    Como é información moi faciliña de atopar, hai que facelo axiña: entrega a túa ficha debidamente cuberta ao longo da vindeira semana, entre o luns 25 e o venres 29.


Entre as persoas que completen todas as respostas correctamente, sortearemos varios agasallos.


martes, 19 de outubro de 2021

PRESENTÁMOSVOS O NOSO ITINERARIO LECTOR: GRANDES VIAXES

 Aproveitando que se está conmemorando o quinto centenario da primeira volta ao mundo, a de Magalhaes e Elcano, queremos dedicar parte das lecturas deste ano a obras, tanto de ficción como de non ficción, nas que se relatan grandes viaxes.

Non serán as únicas lecturas que fagamos, pero queremos ler, reler ou lembrar polo menos algunhas, co fin de homenaxear algúns deses grandes viaxeiros da vida real, como os mesmos Magalhaes e Elcano, pero tamén outros como Marco Polo, Darwin, Amundsen, Isabel Zendal ou a gran Exeria.

Pero tamén, como non, os grandes da ficción, desde Ulises ata o capitán Nemo, e tantísimos outros personaxes, tamén da narrativa máis recente, como Denébola a Roxa, e moitos máis que iremos descubrindo ou redescubrindo ao longo do curso, mediante as diversas lecturas, desde as recomendadas para as "Horas de ler" das distintas materias e niveis, ata as propostas do Club de lectura.

Esperamos que vos gusten moito, e que deamos con elas non unha, senón moitas voltas ao mundo

Aquí podedes ver as dúas caras do folleto, en forma de tríptico, que tamén atoparedes por varios espazos do centro.

Esta é a cara exterior:

        E esta, a interior:


martes, 5 de outubro de 2021

ALGUNHAS NOVIDADES

 Xa van chegando á nosa Bibliosoneira libriños novos, que podedes ver nos expositores da Biblio e tamén nos do corredor.

No blog tamén volos iremos amosando de cando en vez, pero o mellor é que pasedes pola biblioteca e os miredes vós mesmos.

Aquí vos ensinamos algúns. Como vedes, hai algo de todo: en galego, en castelán, en francés, inglés, portugués... Empezan a chegar tamén libros informativos de temáticas diversas e, como non, algo que vos gusta tamén moito: banda deseñada, manga, novela gráfica. E tamén temos, e teremos máis, publicacións máis adaptadas para os máis novos, ou para os que non se lles dá demasiado ben a lectura: máis pequenos, máis doados de ler, con moita ilustración... en fin, hai para todos os gustos. Só faltades vós, lectoras e lectores. 

Visitádenos; na Bibliosoneira sempre sodes benvidos 🙋👋