venres, 25 de marzo de 2022

VISITA DE ALEJANDRA RAMA

 Onte recibimos a visita dunha autora nova pero coñecida para nós, pois é de Vimianzo e foi alumna deste centro.

Trátase dunha moza que vén de publicar o seu primeiro libro, Poesía vivencial, e veu ao IES para presentárnolo nun encontro con alumnado e profesorado da ESO

Parabéns, Alejandra!

(Aínda non nos chegaron os exemplares do libro, pero en breve estarán aquí para que os poidades ler)




Podedes ver máis imaxes nesta ligazón que vos leva á páxina do instituto


luns, 21 de marzo de 2022

NAUFRAXIOS

 Dentro do noso plan de coñecemento da bisbarra na que estamos, e como non todo o saber está nos libros senón que hai outros medios de acceso á información, hoxe asistimos á presentación dun proxecto de documental sobre a nosa costa, e en concreto sobre os naufraxios que nela se produciron e as investigacións en torno a eles. 

Como por motivos técnicos non temos imaxes desta actividade, convidámosvos a que vexades a reseña que aparece na páxina principal do IES, á que podedes acceder seguindo esta ligazón.

luns, 24 de xaneiro de 2022

SEMANA DA ILUSTRACIÓN

O día 30 de xaneiro é o aniversario de Castelao, e por ese motivo ese día celebramos o Día da Ilustración.

E por iso tamén esta semana na Bibliosoneira quixemos celebrar non o día, senón a Semana da Ilustración, e quixemos dedicarlle a nosa pequena homenaxe a dúas das nosas alumnas máis novas, Ánxela e Idaira, que van ser -son xa- grandes ilustradoras.

Aquí podedes ver unha pequena mostra dos seus debuxos:



PARABÉNS, RAPAZAS!




luns, 13 de decembro de 2021

MÁIS PUBLICACIÓNS DAS COMARCAS DA COSTA DA MORTE

 Como xa sabedes, este curso queremos ir dándovos a coñecer algunhas das publicacións que temos sobre a Costa da Morte, ou de autores e autoras destas comarcas.

Hoxe presentámosvos un libro moi interesante sobre a comarca na que estamos, a Terra de Soneira. Non é unha guía: é moito máis, porque contén información sobre xeografía, historia, patrimonio, cultura, lingua, tradicións... Podedes botarlle unha ollada cando pasedes pola Biblioteca


E tamén queremos que vexades estes dous libriños do noso veciño da Piroga-Bamiro, o investigador Xosé María Rei Lema. Trátase, o primeiro deles, dunha recompilación de textos sobre a  Costa da Morte, publicados por distintos autores e autoras en diferentes épocas. E o outro é un dicionario de escritores e escritoras da Costa da Morte.

Xa foron publicados hai varios anos, polo que non aparecen nin os autores que empezaron a publicar máis tarde nin os últimos textos posteriores á publicación dos libros, pero aínda así resultan moi completos e interesantes.




mércores, 17 de novembro de 2021

RUTA POLA RIBEIRA SACRA CON XABIER QUIROGA

 O pasado día 14, varias persoas do equipo da nosa Biblioteca e do Club de lectura participamos nunha actividade convocada polo CAFI: un roteiro literario polos espazos da última novela de Xabier Quiroga, O baile dos estorniños, acompañados e guiados polo autor.





Recomendámosvos a lectura desta novela que, aínda que é un pouco longa, paga a pena. 

Podedes tamén botar unha ollada a esta entrada  do blog do noso Club de lectura, onde falamos tamén das outras dúas que forman esta chamada "triloxía da Ribeira Sacra"

luns, 15 de novembro de 2021

EXPOSICIÓN AS ANTAS DA COSTA DA MORTE

 Como puidestes ver ao pasar por ela, xa están instalados os 20 paneis da exposición "As antas da Costa da Morte", que nos presta o SEMESCOM, unha das asociacións coas que colaboramos, para que poidamos coñecer mellor estes importantísimos elementos do noso patrimonio. Xa sabedes que Vimianzo é un dos concellos máis ricos en monumentos megalíticos, así que está ben dispor de información sobre eles, ou polo menos sobre os máis importantes. 

A exposición estará no noso centro ata a volta das vacacións do Nadal.


Como non nos caben os 20 paneis na biblioteca, tivemos que "colonizar" gran parte do corredor do edificio da ESO. Así tamén os podedes ver aínda que a biblioteca estea pechada.  Pero ide con coidado, que é fráxil!






martes, 2 de novembro de 2021

QUE MEDO!

Tal como avanzamos na entrada anterior, o alumnado do Obradoiro de teatro e de Iniciación ás Artes Escénicas, de 1º e 2º de ESO, pasou pola Biblioteca buscando entre os nosos clásicos historias para ler e representar, ou tamén inspiración para crear os seus propios contos de medo.



Os nenos e nenas de 1º leron os contos creados por eles mesmos na Aula de usos múltiples e na biblioteca




Os de 2º optaron por poñer en escena dous contos de dous dos nosos narradores do século XX: Ánxel Fole e Rafael Dieste.

De Fole representaron Os lobos

E de Dieste outro clásico, que podedes ver nesta ligazón:

Sobre a morte de Bieito