luns, 10 de outubro de 2022

AMOSANDO O NOSO PATRIMONIO

 Un grupo de alumnos e alumnas do equipo da biblioteca, e outros de diversos cursos do noso centro, frecuentaron a biblioteca estas dúas últimas semanas para investigar e ampliar o seu coñecemento sobre o noso patrimonio natural e etnográfico, co fin de preparar unha visita guiada teatralizada pola ruta do río de Cambeda.

Durante a mañá do pasado sábado acompañaron os visitantes que se quixeron achegar por este fermoso roteiro, trasladándonos á metade do século pasado, e amosándonos muíños, regos de lavar, a "fábrica da lus"..., e amosándonos costumes e circunstancias do momento, como a emigración, os traballos de homes e mulleres, o labor dos mestres ou o poder da Igrexa.

Parabéns por este importante traballo, co que aprendemos xuntos sobre o noso patrimonio e amosámosllo a quen nos visita.

  

  

  


DÍA DA SAÚDE MENTAL

 Hoxe conmemórase o Día Internacional da Saúde Mental.

Lembrámosvos que na vitrina do exterior da biblioteca podedes ver unha selección de libros relacionados con este tema, varios deles novidades acabadiñas de chegar ao noso catálogo.

Pero non esquezades que temos máis. Entrade e preguntade!





luns, 3 de outubro de 2022

PATRIMONIO MEGALÍTICO DA COSTA DA MORTE

 



Este curso a nosa biblioteca participará en varios proxectos do centro. Un deles é o de Polos Creativos. Dentro deste programa traballarase sobre varios temas. Un deles é o megalitismo da Costa da Morte, empezando pola gran riqueza megalítica do noso concello. O obxectivo é investigar sobre este tema, tanto na biblioteca como sobre o terreo, e rematar plasmando este traballo nun audiovisual.


Para ir entrando en materia propoñémosvos a asistencia a esta xornada que se celebrará o próximo sábado, día 8. Se podedes asistide: vai ser moi interesante.

 

venres, 30 de setembro de 2022

O EQUIPO DA BIBLIOTECA PÍDEVOS PACIENCIA ESTE TRIMESTRE

 Como dicía alquel grupo do século pasado...


Este curso estamos a cambiar o programa de xestión da Biblioteca. Cando todo o proceso estea rematado esperamos que todo sexa máis doado e funcionemos mellor, pero mentres tanto hai moitos cambios que facer, erros que corrixir e múltiples cousas que adaptar.
E ademais de preparar e facer a migración dos nosos máis de 16000 rexistros ao novo programa, temos que aprender a manexalo e ir sacándolle o maior partido posible. Estámonos formando para iso, aprendendo e practicando todo o que podemos.




Mentres este proceso non estea completo, mentres os membros do equipo da Biblioteca nos imos orientando e familiarizando minimamente no manexo do programa novo, é posible que, polo menos ao principio, tardemos algo máis en catalogar, buscar, prestar, devolver, etc. 

Grazas pola vosa paciencia  e comprensión 😅


mércores, 28 de setembro de 2022

COMPARTIMOS LECTURAS: APÚNTATE AO NOSO CLUB!

 PARTICIPA NOS NOSOS  CLUBS DE LECTURA

 


  •    Podes apuntarte no Club de Lectura Letraferit, que existe desde o curso 2012-2013, e do que pode formar parte o alumnado, profesorado e persoal non docente que o desexe.  

        Reunímonos na Biblioteca do IES en horario de 3.30 a 4.30 o último luns de cada mes,  e nesas reunións poñemos en común as nosas lecturas, facendo propostas de lectura e comentando o que lemos ou estamos a ler.

Tamén temos un blog no que iremos poñendo algúns contidos e no que calquera lector ou lectora pode participar facendo comentarios. Podes velo nesta ligazón: http://letraferitsoneira.blogspot.com/

        Este curso o Club estará coordinado pola profesora Soraya, de Lingua Castelá.

        Para máis información e para inscribirte podes falar con Soraya, Rocío ou  Chus Barbeira.

 

  •      Tamén podes participar no club de lectura de cómic e mangaque se reúne nos recreos segundo as convocatorias que vos vaia facendo o seu coordinador, que é o profesor Antón Riveiro.

        Para máis información e para inscribirte podes falar con Antón Riveiro, ou deixar a túa folla de inscrición na caixa que atoparás na biblioteca.


ANÓTATE XA!

luns, 26 de setembro de 2022

EN MARCHA!

 Como todos os anos, empezamos a "atención ao público" para préstamos, etc. o próximo luns, día 3 de outubro

Tamén coma sempre os préstamos e devolucións de libros farémolos nos recreos. Teredes os vosos números de lectores no caderno de sempre, sobre a mesa.

Mentres tanto estamos ordenando e organizando moitas cousas na nosa bibliioteca, intentando preparar todo para ir empezando.

Antes de nada queremos dar as grazas ao equipo de alumnado colaborador do programa de voluntariado de Bibliotecas Solidarias que nos axudou o curso pasado. 

Despedímonos das alumnas e alumno de Bacharelato, agás Paula e Nuria, que continuarán colaborando  con nós (estade atentos para recibir o diploma cando vos avisemos), e damos a benvida ao novo equipo: Paula, Nuria, Mario, Sara, Kevin, Ana, Emma, Uxía, Eva, Sergio.

Grazas pola vosa axuda




luns, 5 de setembro de 2022

PREPARADOS?

Xa estamos aquí de novo!

Preparando a biblioteca para cando cheguedes. 

Este curso cambiarán algunhas cousas no funcionamento da nosa biblioteca, e todos e todas precisaremos adaptarnos un pouco a estas novidades, pero seguro que os cambios serán para mellorar. Xa vos iremos contando.

Pero o esencial é o de sempre: 

Na Bibliosoneira tedes a vosa casa!