domingo, 12 de febreiro de 2023

COÑECEDES ESTES LIBROS?


 O pasado día 11 conmemoramos o Día da muller e a nena na ciencia e na tecnoloxía. Imaxinabas que tiñamos tantos libros relacionados con este tema? Non? Pois dentro da biblioteca hai moitos máis. Ven botarlles unha ollada



E mañá sabes que dia é, nonsi? Claro, San Valentín, que disque é o patrón dos namorados.

Imaxinas cantos libros hai que teñen a palabra "amor" no seu título? Mira, aquí tes algúns. Pero na nosa biblioteca hai máis. Anímaste a buscalos polos andeis?

O primeiro que me traia dous diferentes terá un regaliño sorpresa.



E agora poñámonos un pouquiño máis serios porque dentro de poucos días celebraremos o Día de Rosalía. Estes libros si que os coñeces, claro que si




Pero na biblioteca hai máis libros non dela, senón que falan dela. Investiga e dinos os títulos que atopas. Regaliño para o primeiro que o consiga!




luns, 30 de xaneiro de 2023

ARTIGOS NA PRENSA

 Varios rapaces e rapazas da ESO e de Bacharelato, xunto coa súa profesora de Lingua, estiveron investigando e informándose para escribir textos argumentativos sobre un tema que está, tristemente, de actualidade: a implantación de parques eólicos na paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba.



Despois algúns deles escribiron artigos de opinión que foron publicados polo xornal Que pasa na costa.

Podédelos ler se premedes nestas ligazóns

https://www.quepasanacosta.gal/opinion/claudia-roget-antelo/penedos-traba-pasarela/20230120104842142673.html

https://www.quepasanacosta.gal/opinion/mateo-calzas/que-e-un-penedo/20230201101206142997.html

https://www.quepasanacosta.gal/opinion/enma-perez/implantacion-eolicos-nos-penedos-pasarela-traba-benefico-destrucion/20230125094947142802.html


luns, 23 de xaneiro de 2023

UN ROTEIRO LITERARIO E OUTRA COUSIÑA

 O pasado sábado, día 21, varios membros do equipo da Biblioteca e do Claustro do noso centro participamos nun roteiro literario na vila de Celanova, en torno á figura do poeta Celso Emilio Ferreiro, e tamén doutros grandes autores como Curros Enríquez.

Acompañounos e guiounos o escritor e crítico literario Ramón Nicolás.

Visitamos varios lugares ligados á súa vida e obra, por exemplo a Casa dos Poetas, sede da Fundación Curros, e tamén lugares cercanos como Vilanova das Infantas ou Castromao.



Por certo, na Casa dos Poetas vimos isto:


É a orla de fin de carreira de Castelao e os seus compañeiros da facultade de Medicina.  E mirando, mirando, atopamos persoas de lugares moi próximos a nós. Se tedes curiosidade, ampliade a imaxe e buscade, a ver a quen atopades.

A primeira persoa que pase pola biblioteca e nos diga o nome e lugar de nacemento de dúas persoas de concellos da Terra de Soneira, terá un regaliño

xoves, 19 de xaneiro de 2023

CONTINÚA A PATIOMORFOSE

Despois de todos os encontros informativos que tiveron lugar durante o pasado trimestre, e a posta en común dos diferentes grupos de alumnado, coas súas ideas e propostas, estas son as conclusións ás que chegaron e o que propoñen para a mellora do patio:



luns, 16 de xaneiro de 2023

PREMIOS NADAL POLOS CREATIVOS

Como sabedes, a Biblioteca participa no proxecto Polos Creativos, xunto con outros equipos e Departamentos, aportando ideas, información e recursos diversos.
O pasado venres entregáronse os premios dos concursos convocados dentro deste programa: 
Deseño e realización de adornos de Nadal, gravados por eles mesmos en madeira e recortados coa cortadora láser




E deseño dunha escape room, á que podedes xogar se premedes nesta ligazón:

martes, 10 de xaneiro de 2023

ILUSTRA O TEU LIBRO PREFERIDO

 O próximo día 30 celébrase o DÍA DA ILUSTRACIÓN E OS ILUSTRADORES. 

Conmemórase nesta data porque ese día é o aniversario de Castelao, qeu como sabedes foi, ademais dun importante escritor, un gran pintor, debuxante e ilustrador.

Con motivo desta conmemoración na Bibliosoneira convidámosvos a participar no concurso:

ILUSTRA O TEU LIBRO PREFERIDO


PARA PARTICIPAR:

Pensa nun libro que che gustase moito, fai un debuxo relacionado con el e entrégao na Biblioteca antes do día 31 de xaneiro.

Os debuxos poden ser realizados con calquera técnica, pero deben ser orixinais e inéditos (non copiados das propias ilustracións do libro, por exemplo)

Os traballos debedes presentalos nunha cartolina ou folio tamaño A4, co títulodo libro na parte superior e o voso nome completo e curso na inferior.

Os debuxos quedarán expostos na biblioteca e/ou no corredor a partir do mércores, día 1 de febreiro

HABERÁ REGALIÑOS POLA PARTICIPACIÓN 

E PREMIOS PARA OS MELLORES TRABALLOS.







xoves, 22 de decembro de 2022

IO SATURNALIA

 Agora que se achega o solsticio de inverno, o alumnado de Latín está a preparar a celebración da festa que os romanos celebraban neste tempo, as saturnais ou Saturnalia. 

Xa sabedes que na nosa biblioteca temos un apartado dedicado a lecturas informativas  e de ficción relacionadas coa Cultura Clásica, tanto grega como romana. 

Aquí poden acudir alumnos e profesorado para atopar inspiración para esta e outras actividades, así como lecturas entretidas e instrutivas.

Nesta ocasión este grupo de alumnos elaborou unha serie de postais de felicitación nas que mesturan a lingua latina con elementos propios do actual Nadal, pois esta festa coincide coa dos antigos romanos.

Estas postais enviaranas a un instituto de Barcelona, e quedamos á espera de ir recibindo as deles.

Aquí temos unha mostra: