venres, 29 de novembro de 2024

LINGUAS MOI VIVAS

SEGURO QUE O LATÍN E O GREGO SON LINGUAS MORTAS?

No noso instituto, na biblioteca e nas clases de Bacharelato, están moi vivas, abofé.
E se non, que llo digan ao alumnado de latín que, coa axuda da súa profesora María,  están intercambiando cartas e tarxetas postais ¡¡¡ en latín!!! con compañeiras e compañeiros dun instituto de Estremadura.

Nesta ligazón podedes ver algunhas.

E tamén aproveitamos para ensinarvos os fermosísimos marcapáxinas que fixeron, con  coñecidas frases en latín e en grego. A ver cantas coñecedes.
E se pasades pola Biblioteca e ledes moito, podedes levar algún que vos guste.
Bulide, que se acaban!



E semanas despois editamos esta entrada para amosarvos outro traballo deste alumnado de linguas clásicas: Se premedes aquí podedes ver unha foto da súa porta chea de vocabulario en latín e grego.


venres, 22 de novembro de 2024

ANTÍA YÁÑEZ FÁLANOS DE SAÚDE MENTAL

 COÑECEDES ESTE LIBRO?



Se non o lestes, lédeo, porque está moi ben. Conta moi ben, dun xeito entretido e con toques de humor, o que sente e como se sente unha persoa con TOC

Lembramos este libro, que xa non é o máis recente dela, porque a súa autora visitou Vimianzo o pasado luns 18 pola tarde para falar sobre saúde mental e xénero, nunha actividade á que asistiron os nosos alumnos e alumnas maiores, de Bacharelato e Ciclos, pero que tamén estaba aberta ao público xeral.

Preme aquí

venres, 15 de novembro de 2024

CASTAÑAS, XOGOS E SOBREMESAS TERRORÍFICAS

 POR FIN!

Chegou o día de degustar estas sobremesas que teñen tan mala pinta pero que saben tan ben.



Canto traballaron estes rapaces e rapazas de 1º, de ESO, e que difícil se puxo a votación!

Nesta publicación do Instagram deixámosvos unhas imaxes dos doces do concurso, e dos gañadores cos seus diplomas (as camisetas están aínda na imprenta, lamentablemente terán que esperar uns días por elas porque non nos chegaron a tempo)

Parabéns!

E tamén podedes ver aquí  algunhas fotos e vídeos da xornada de xogos e magosto. Que ben o pasamos!

mércores, 13 de novembro de 2024

LINGUAS ESTRANXEIRAS

 

ON VA AU CINEMA!

Esta mañá membros do equipo da Biblioteca acompañamos ao alumnado de francés de 3º e 4º da ESO e 1º de BAC a Santiago de Compostela, para ver en versión orixinal, en francés, a película La petite bande. Unha actividade organizada pola Alianza Francesa dentro do programa Fiestinema.




luns, 11 de novembro de 2024

POLO SAN MARTIÑO...

 POLO SAN MARTIÑO, BUXAINAS AO CAMIÑO



Buxainas, trompos... Como lles chamas ti?

Ademais da buxaina, cantos xogos e xoguetes populares coñeces?

O próximo venres, día 15, terás ocasión de probar varios deles, pois celebraremos a gran festa do outono, o MAGOSTO, e ademais de castañas tamén haberá xogos, e máis cousas

Por exemplo, poderemos probar os doces que prepararán os rapaces e rapazas de 1º ESO, coma todos os anos por estas datas, para participar no Concurso de Sobremesas Terroríficas, imitando as receitas do famoso Román e a súa amiga Escarlatina, a cociñeira defunta. Xa sabedes: doces con aspecto e nome noxento pero sabor exquisito.

E por este tempo non hai que esquecer outros alimentos propios do outono, como as cabazas. Mirade, mirade:

  



luns, 4 de novembro de 2024

VOLVEU O PAPAGAIO

 

XA ESTÁ AQUÍ DE NOVO!


A nosa revista de divulgación científica, lecturas, xogos, humor, pasatempos... e algo de todo... xa está de volta!

Tedes xa dispoñible o número de outubro, e tamén os dous do verán, que se cadra aínda non os vistes.

Xa sabedes: no sitio de sempre, no revisteiro xunto ao sofá vermello.

Boas lecturas!







RECUPERADOS DO SUSTO?

 Que ben o pasamos na festa do Samaín!

Aquí vos deixamos as imaxes do concurso de portas terroríficas, e algúns disfraces tamén. Parabéns, puxéstesllo moi difícil ao xurado!

Pero agora, despois de tanta festa e tanto comer lambetadas terrorrificamente ricas, chegou o momento de facer algo de exercicio, e ao mesmo tempo coñecer o noso territorio.

Aínda estades a tempo de participar nalgunha -ou todas, claro- das andainas que organiza a Asociación Ambiental Senda Nova por terras de Bergantiños, dentro do seu programa Outono en marcha.

Aquí vos deixamos o cartel coas rutas e as datas. 

Anímádevos!