mércores, 23 de abril de 2025

RUTA LITERARIA E VISITA AO LUGO MÁIS ROMANO

 CELEBRAMOS O DÍA DO LIBRO INDO DE EXCURSIÓN!

Despois de dedicar varias das "horas de ler" á lectura dos catro relatos de Contos de fantasmas no museo, os rapaces e  rapazas de 1º da ESO complementaron esta lectura coa visita ao Museo Provincial de Lugo, onde realizaron a actividade "Rutas Literarias no Museo" e completaron a mañá visitando a Casa dos Mosaicos.

Despois de dar unha voltiña pola muralla e polo centro histórico da cidade, xantar e gozar de algún tempo libre para xogos e compras, rematamos a xornada cunha interesante visita guiada ao Centro de Interpretación da Muralla.

Aquí vos deixamos algunhas imaxes, que tamén podedes ver se visitades o Instagram do centro, premendo aquí.

  


   









sábado, 12 de abril de 2025

CANTAREIRAS



Onte asistimos á presentación deste fermoso libriño de dous veciños da Costa da Morte: o profesor Xosé Manuel Varela e a cantareira e pandeireteira Icía Varela


 Foi un acto moi fermoso, no que participaron tamén cantando sós e con Icía varias alumnas e un ex-alumno do noso IES.

Grazas, rapaces, por estardes sempre dispostos a colaborar.

  
 


xoves, 10 de abril de 2025

A NEVE DO CUCO. TEMPO PARA LER

 Disque vai facer mal tempo nestas vacacións. Seica vai chover moito, e mesmo din que nalgúns sitios pode nevar.

Sabedes que no interior de Galicia, onde adoita nevar, a estas neves que veñen xa na primavera chámanlles "a neve do cuco"? A que se deberá ese nome? Investiga e cóntanolo á volta das vacacións. Haberá regaliño para as primeiras persoas que nos traian a resposta correcta.

Aquí non nevará, pero é probable que chova. Por algo di o refraneiro aquilo de...

EN ABRIL, AUGAS MIL



Pero hai moitos máis refráns para este mes. Coñeces algúns? 

E se chove, aproveita para ler. Busca as nosas recomendacións de lecturas de primavera nos lugares de sempre.

Pero se non chove tamén podes aproveitar para coñecer un pouco máis do noso patrimonio e a nosa historia. Lembra que durante os días festivos haberá representacións da historia dramatizada do Castelo por parte do grupo Os Quinquilláns




luns, 7 de abril de 2025

OUTRAS LINGUAS-ALUMNADO DE INTERCAMBIO

 



Despois de que o ano pasado o alumnado de francés gozase dunha semana de convivencia cos seus "correspondants" do Lycée Louis Rascol, de Albi, acompañados por profesoras membros do equipo da biblioteca, este ano tócanos a nós recibilos a eles en Vimianzo.

Hoxe estiveron pola mañá coñecendo o noso centro, incluída, como non, a Biblioteca, e pola tarde visitamos a casa do concello, onde foron recibidos pola alcaldesa, e logo gozaron dunha visita guiada ao Castelo de Vimianzo, que rematou cunha merenda a base de chocolate con churros. Unha boa benvida!

Aquí vos deixamos algunha imaxe e tamén un pequeno resumo das actividades que farán ao longo da semana  E Aquí, nas redes do Concello, tamén podedes atopar a crónica desta actividade.

martes, 1 de abril de 2025

O PRIMEIRO DE ABRIL, DÍA DAS BRINCADEIRAS

 

O PRIMEIRO DE ABRIL VAN OS BURROS ONDE NON DEBEN IR


O primeiro de abril é o día das bromas e brincadeiras en moitísimos lugares.

Na maior parte de España e os países hispanos o 28 de decembro, día que se cita na Biblia como o da matanza dos Inocentes, celébrase facendo o que chaman "inocentadas", é dicir, bromas, enganos e brincadeiras diversas. Mesmo nos medios de comunicación existe o costume de inserir neste día algunhas noticias falsas para divertirse á conta da inxenuidade do público que as toma por verdadeiras. 

En cambio na tradición galega isto mesmo facíase o primeiro día de abril. Co tempo esta tradición foi quedando desprazada pola dominante dos "inocentes" hispanos, aínda que nos últimos anos estase a revitalizar.

Onde nunca se perdeu, e se segue a celebrar desde sempre este día do 1º de abril, é na maior parte dos países de Europa, como o Reino Unido (April Fool´s Day), Francia (Poisson d'avril), Italia (Pesce d'aprile), Portugal, Alemaña, Polonia, Austria, Bélxica, Finlandia, Eslovaquia, Croacia... e tamén fóra do noso continente, en lugares tan afastados como os Estados Unidos, Canadá, Brasil, Xapón ou Australia. En xeral nos países que quedan fóra do ámbito da cultura hispana.

Por que o 1 de abril e non outro día calquera?

A mediados do século XVI cambiouse o calendario existente ata daquela, segundo o cal o ano vello remataba a finais de marzo  -coa fin do inverno- e comezaba o novo a primeiros de abri, coincidindo coa primavera. 

Este antigo calendario foi substituído, mediante un decreto real, polo novo calendario, o famoso calendario gregoriano, segundo o cal o ano comezaba o 1 de xaneiro.

Moitas persoas continuaron durante bastante tempo celebrando o ano novo o 1º de abril, mentres que os outros os ridiculizaban chamándolles os parvos ou os burros de abril, e seica foi así como se estableceu o costume de, neste día, contar noticias inventadas, invitar a festas inexistentes, mandar regalos que non eran tales ou, en xeral, facer bromas máis ou menos pesadas.

E por que en varios sitios se lles chama "peixe de abril" ás persoas vítimas das bromas? 

Iso cóntovolo outro día, que está quedando isto demasiado longo 😄

Pero se tedes moita curiosidade... preguntádeme na biblioteca!