domingo, 3 de outubro de 2021

AS FLORES RADIOACTIVAS

O "XURELO" E AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ


 O pasado mes de setembro cumpríronse 40 anos da travesía do "Xurelo", un barco pesqueiro de 21 metros de eslora no que, no outono de 1981, varios activistas e xornalistas galegos embarcaron coa intención de chamar a atención da comunidade internacional e denunciar os vertidos de residuos radioactivos que oito países europeos viñan facendo na chamada Fosa de Hércules ou Fosa Atlántica, fronte á costa galega.


Entre eles ía o escritor e xornalista, vimiancés de adopción, Manuel Rivas, que o 4 de outubro, hai agora 40 anos, publicou o fermoso artigo "Unha viaxe en nome da vida",  que podedes ler 
nesta ligazón

Recoméndovos tamén  que leades esta entrada no blog Brétemas, onde podedes atopar o relato desta acción reivindicativa, e tamén algunhas imaxes.

PERO QUE TEN QUE VER TODO ISTO CO ESCRITOR AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ? - preguntaredes vós.

Pois veredes:

Despois de tres días de navegación, por fin atopáronse con dous cargueiros holandeses escoltados por unha fragata da armada dese país. Os tripulantes galegos non puideron impedir o lanzamento ao mar de gran cantidade de bidóns con material radioactivo, pero transmitirono por radio, fixeron fotografías e vídeos para documentar este feito, e finalmente lanzaron ao mar ramos de caraveis, como símbolo de que estaban ante o que se estaba a converter nun cemiterio.

Poucos anos despois, e en relación con isto, Agustín Fernández Paz publicou AS FLORES RADIOACTIVAS, unha novela que tivo no seu momento moito éxito, e que posteriormente foi reeditada incluíndo anexos sobre outros feitos como o accidente da central nuclear de Fukishima.

Este é un dos libros que merecen unha relectura, e que mellor momento ca este!




domingo, 26 de setembro de 2021

APETÉCECHE PARTICIPAR NUN CLUB DE LECTURA?

 



ANÍMATE A PARTICIPAR NUN DOS NOSOS

 CLUBS DE LECTURA... OU NOS DOUS!

 

  •    Podes apuntarte no Club de Lectura Letraferit, que existe desde o curso 2012-2013, e do que pode formar parte o alumnado, profesorado e persoal non docente que o desexe.  

        Reunímonos na Biblioteca do IES en horario de 3.30 a 4.30 un luns ao mes,  e nesas reunións poñemos en común as nosas lecturas, facendo propostas de lectura e comentando o que lemos ou estamos a ler.

Tamén temos un blog no que iremos poñendo algúns contidos e no que calquera lector ou lectora pode participar facendo comentarios. Podes velo nesta ligazón: http://letraferitsoneira.blogspot.com/

        Para máis información e para inscribirte podes falar con Rocío Romero ou con Chus Barbeira.

 

  •      Tamén podes participar no club de lectura de cómic e manga, que se reúne nos recreos segundo as convocatorias que vos vaia facendo o seu coordinador, que é o profesor Antón Riveiro.

        Para máis información e para inscribirte podes falar con Antón Riveiro.


PODES ANOTARTE ATA O MARTES 5 DE OUTUBRO


VOLUNTARIADO NA BIBLIOTECA

Imos comezando a nosa andaina deste curso entregando os diplomas ao equipo de voluntarios e voluntarias que colaboraron na biblioteca o pasado curso, dentro do programa de Bibliotecas Escolares Solidarias.

Aproveitamos para darlles as grazas polo seu traballo impecable durante todo o curso.

Aquí os temos cos seus diplomas. Grazas, compañeirxs!





luns, 20 de setembro de 2021

A TRANSLATIO DE CEREIXO E OUTRAS XOIAS

 Este curso queremos ir dándovos a coñecer algúns dos autores e autoras da Costa da Morte, publicacións informativas sobre esta zona, e tamén publicacións de ficción ambientadas na nosa bisbarra, que podedes consultar na nosa Biblioteca.

Utilizaremos a etiqueta "Costa da Morte" para que poidades atopar facilmente as entradas sobre este tema.

Aproveitando que o alumnado de Bacharelato foi visitar a fermosísima -e case única-  portada románica da igrexa de Santiago de Cereixo, hoxe empezaremos presentándovos este libriño sobre a iconografía xacobea na Costa da Morte, escrito por Xosé María Lema e editado polo SEMESCOM (Seminario de Estudos da Costa da Morte). É pequeno en tamaño pero moi grande en contido.



Na capa deste libro vedes, precisamente, esta magnífica portada de Cereixo, e no interior atoparedes información interesante sobre as imaxes de Santiago e outras relacionadas coa tradición xacobea.

A obra xa ten uns anos, pero volve estar de actualidade neste curso, pola celebración do Ano Xacobeo.

xoves, 16 de setembro de 2021

IMOS ALÓ!

 

BENVID@S!


Comezamos un novo curso tamén na nosa Biblioteca.

Esperamos que gocedes moito coa lectura




Xa sabedes que estas semaniñas de setembro dedicámolas a poñer en marcha a biblioteca, asignar números de lectores ás persoas que chegades novas ao Centro, ordenar, organizar, explicar o funcionamento aos novos usuarios/as, e outros traballiños necesarios. 

Pero a partir do día 4 de outubro, se todo vai ben, a Biblioteca estará xa funcionando e á vosa disposición.

Agardámosvos!



martes, 1 de xuño de 2021

Xa temos os fallos dos nosos concursos do mes de maio!


Hoxe reuníuse na Biblioteca o xurado dos Concursos convocados este mes en colaboración co Equipo de Normalización Linguística do centro e aquí están os fallos:

No concurso De Rosalía a Xela: Xoga ao 21 coas nosas escritoras temos 5 premiados/as: 

-Ana Lema Iglesias, 2º eso B

-Sergio Pose, 3º eso A

-Natalia Torres Trillo, 4º eso A

-Lucía Roget Blanco, 4º eso A

-Nuria Lema, 1º CMXA


No XI Concurso literario Terra de Soneira, este é o fallo do xurado:

1º) Na Categoría de 1º e 2º da ESO, na modalidade de relato, o gañador é o relato presentado co lema “O nubeiro soneirán”: trátase do relato “Etéreo” de Juan Martínez Carballo de 2º da ESO B

A modalidade de poesía fica deserta.


 2º) Na Categoría de 3º e 4º da ESO, na modalidade de relato, o gañador é o relato presentado baixo o lema “A nena silenciada”: trátase do relato “O que moitos calan” de Paula Torres Pedreira de 4º da ESO A.

 

Na modalidade de poesía, o gañador é o poema presentado baixo o lema “Fortaleza”: trátase do poema “Ti decides cando” de Lucía Roget Blanco de 4º ESO A.

O xurado decidiu conceder un accésit nesta modalidade ao poema presentado baixo o lema “Corvo branco”: trátase do poema “Liberdade rapaz” de Erik Rodríguez Pequeño de 4º ESO A.

 

3º) Na Categoría de Bacharelato e Ciclos formativos, na modalidade de relato, o gañador é o relato presentado baixo o lema “Sempre en Galiza”: trátase do relato sen título (polo que lle atribuímos o do lema) de Ramiro Martínez Mato de 2º Bacharelato B.

A modalidade de poesía fica deserta.


Os textos premiados serán expostos nos corredores do Edificio da Eso esta semana e os premios aos dous concursos serán entregados na 3ª semana do mes de xuño.

Graciñas aos participantes e Parabéns para os premiados!!


ENCONTRO CON NEE BARROS

 Lembrade que mañá temos unha cita con Nee Barros




Na páxina da Editorial Galaxia podedes atopar información sobre a súa persoa e sobre a súa obra


aquí vos deixo tamén unha entrevista moi interesante.





Non vos esquezades:

No segundo recreo estará na Biblioteca asinando libros

E nas dúas clases seguintes, nas clases de 4º da ESO