mércores, 30 de novembro de 2022

MOITA ACTIVIDADE AO REDOR DO 25 N

 A nosa biblioteca colaborou ao longo deste mes na organización e realización das diferentes actividades que alumnado e profesorado levaron a cabo con motivo do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.

Algunhas destas actividades celebráronse na propia biblioteca e outras noutros espazos do centro. Por exemplo:

  • Despois de traballar sobre o tema durante todo o mes nas sesións de titoría, o alumnado de 3º ESO rematou o obradoiro de igualdade e prevención da violencia de xénero, que impartiou a técnica de igualdade do Concello
  • Xornada sobre masculinidades e feminismos, en colaboración co Concello, na que participou o alumnado de 4º ESO. Aquí podedes ler a reportaxe que publicou o xornal La Voz de Galicia sobre esta actividade:

               Ninguén quere ser machista

  • Campaña "Amor Adolescente non é control inconsciente" de prevención da violencia machista entre adolescentes, creada polo alumnado de 1º BAC. Podedes ler a noticia na prensa seguindo as seguintes ligazóns:

                En La Voz de Galicia

                En Que pasa na Costa

  • Representación teatral na Casa da Cultura: a montaxe As Mapoulas levou ao alumnado de 1º BAC a achegarse á figura de Alicia Dourado, asasinada na Coruña en 1937. Posteriormente continuaron a busca de información sobre esta muller facendo uso dos espacios e medios da nosa Biblioteca.


  • Tamén participaron nun encontro-coloquio co título Hai saída grazas a ti, no que continuaron reflexionando sobre formas de violencia normalizadas como o control ou a invasión da privacidade. 
  • Por último citamos unha actividade que se celebrou o propio día 25 e na que participamos todo o alumnado e profesorado: Dentro do Plan Proxecta Donas de si, un grupo de alumnas construíron as letras que forman a palabra NON e decoráronas con imaxes de rapazas, mozas e mulleres adultas de toda a comunidade educativa. Con esta palabra por diante, o día 25 reunímonos todos no patio para gardar un minuto de silencio polas vítimas da violencia machista. Estas letras quedarán expostas xunto as escaleiras de acceso á biblioteca e as aulas da ESO.

  




luns, 14 de novembro de 2022

MAGOSTO, XOGOS E PREMIOS

 O pasado venres, día de S. Martiño, que ben o pasamos cos xogos populares no patio, coas castañas dos de 4º, co túnel do terror da rapazada de Literatura Universal e coas sobremesas terroríficas de 1º!



Como exemplo, aquí temos os nosos Chefs do Inframundo cos seus premios: camiseta e diploma para os que fixeron as sobremesas máis votadas, e libro Os arquivos secretos de Escarlatina, que sorteamos entre toda a rapazada que participou. 

Parabéns, chefs!


(Non temos fotos dos outros premiados por agora. Engadirémolas proximamente)

venres, 11 de novembro de 2022

CHEFS DO INFRAMUNDO

 Velaí as magníficas sobremesas do Inframundo que prepararon os nosos chefs de 1º da ESO. Román e Escarlatina estarían moi orgullosos de todos eles

Que pintas terroríficas tiñan e que boas estaban todas!

 


  

  

  

  


  

  



venres, 4 de novembro de 2022

PATIOMORFOSE

 A nosa biblioteca, como sabedes, participa en varios proxectos do Centro. Un deles é o proxecto Terra, un dos plans Proxecta que ten como un dos seus obxectivos mellorar o coñecemento dos espazos que habitamos.

No noso centro queremos transformar os patios para convertelos en espazos máis integradores e acolledores. 

Hoxe tivo lugar o primeiro paso: visitounos unha arquitecta que se reuniu co alumnado de 1º de ESO para axudarlles a reflexionar sobre o patio que queren, as melloras necesarias e as achegas que podemos facer para conseguilo.

Xurdiron múltiples ideas, algunhas das cales intentaremos ir levando á práctica entre todos para acadar pouco a pouco esta transformación que chamaremos 

PATIOMORFOSE






venres, 28 de outubro de 2022

PREPARADOS PARA O SAMAÍN?

 Na nosa biblioteca xa estamos case listos para celebrar o noso Samaín, aínda que este ano imos xuntalo co tradicional magosto, que celebraremos, como ten que ser, o próximo 11 de novembro, día de San Martiño.

Así que... 

POLO SAN MARTIÑO... MEDIÑO MEDIÑO!

Mentres chega o día, estamos decorando a biblioteca, por dentro e por fóra, e axudándonos uns aos outros a crear un ambiente de terror, adornando as portas das clases e outros espazos.

 
    


Temos tamén, coma outros anos, unha pequena mostra de libros de medo e misterio, para todas as idades e en todas as linguas que se imparten no noso centro, espallada polas mesas e expositores da biblioteca. 

Podedes pasar ver... e axudar, se queredes!

Ademais, o alumnado de 1º da ESO vén de rematar de ler un libro que xa é un clásico e que lles gustou moito: Escarlatina, a cociñeira defunta.


   


Agora van dedicar estes próximos días a crear, escribir e cociñar unha receita ao estilo de Román, o protagonista. Xa sabedes: ten que ser un prato que lles guste a vivos e mortos, así que terá que ter unha apariencia e nome noxentos pero un sabor exquisito. 

O día de S. Martiño estades convidados a probalos 

e votar pola mellor sobremesa do Inframundo!



martes, 25 de outubro de 2022

Publicacións da Costa da Morte

Acaba de saír do prelo este libro, e vimos de recibilo na nosa Biblioteca por doazón do Concello de Ponteceso, a terra deste importante personaxe da nosa bisbarra. 


Francisco Mourelle de la Rúa, natural de Corme (Ponteceso), foi un dos máis importantes navegantes do século XVIII. Participou en importantes expedicións explorando a costa de América do Norte, desde California ata Alaska. 

As anotacións e descricións que fixo no seu diario foron publicadas e inglés e utilizadas por exploradores tan importantes e coñecidos como Cook ou La Pérouse.

Posteriormente participou tamén noutras importantísimas expedicións de exploración de varias illas do Pacífico, descubrindo e nomeando moitas delas.

Por último, de volta en España, participou tamén na guerra naval contra as tropas de Napoleón.

Os seus restos repousan no Panteón de Mariñeiros Ilustres de Cádiz.


luns, 17 de outubro de 2022

ANDANDO DE TRABA A CAMELLE

 Como sabedes, a Biblioteca colabora con varios Departamentos do centro na organización e realización de diversas actividades. Nesta ocasión, co de Educación Física, ofrecendo información para preparar unha serie de roteiros pola contorna máis próxima, e axuda para guialos.

O primeiro deles foi o que realizamos o pasado venres 14 co alumnado de 2º curso da ESO, seguindo parcialmente unha das etapas do Camiño dos Faros, entre os lugares de Traba (Laxe) e Camelle (Camariñas), e pasando tamén pola costa de Vimianzo-

Ah, que non sabiades que Vimianzo ten costa? Pois ten, non moita pero algo aínda, nos fermosos coídos de Sabadelle e da Señora. O que non demos sabido de xeito definitivo é se estes dous lugares pertencen á parroquia de Carantoña, á de Pasarela ou ás dúas. Isto queda para unha próxima investigación.

Aquí vos deixamos algunhas imaxes desta estupenda xornada: