sábado, 20 de marzo de 2021

PRIMAVERA DOS POETAS

 Hoxe entramos oficialmente na primavera, e mañá, 21 de marzo, celebramos o Día da Poesía.

Xa sabedes que na nosa Biblioteca dispoñemos de moitos libros de poesía, moita e moi diversa: clásica, moderna, contemporánea, máis coñecida ou menos, máis "fácil" ou algo menos doada de ler, en galego, castelán, francés, inglés...  Ao longo da semana podedes ver unha pequena mostra no expositor da entrada.

Pero desde aqui este ano queremos homenaxear aos nosos PROFES-POETAS, esas persoas que están no noso Instituto ou que pasaron por el recentemete, e que no seu tempo libre se dedican, entre outras cousas, a escribir.

Empezamos por un que coñecedes ben porque está actualmente no centro. Chámase Antón Recamán, e este é el e o seu poemario recentemente publicado:




Un poemario que, en palabras do propio autor, "nace do silencio". Se ledes   esta entrevista poderedes saber un pouco máis de Antón e da súa obra.


Outro dos nosos Profes-Poetas, que pasou connosco moitos anos e que moitos e moitas de vós lembraredes porque non hai moito aínda que marchou, é Anxo, ou Ângelo Brea


Podedes saber máis del e da súa obra se consultades a ligazón anterior, e aquí destacamos estes dous libros de poemas:



E, aínda que estamos a celebrar o Día da Poesía, temos que lembrar que Anxo tamén escribe narrativa, e dentro deste xénero destacamos Lembranças da Terra, un interesante libro de relatos de ficción científica que tamén podedes atopar na nosa Biblioteca:




E xa que falamos de narrativa, non queremos deixar de nomear outro dos nosos ex-profes que, aínda que é novelista e ata o momento non publicou poesía, nunca se sabe se nos dará algún día unha sorpresa. Trátase de Paulo Calvo, que estivo aínda o curso pasado connosco. 

Se queredes coñecelo un pouquiño mellor, podedes ler esta entrevista

Velaquí o temos, ao carón da súa novela A maldición de San Brandán




FELICES LECTURAS E FELIZ PRIMAVERA!



 


Novidades primaverais na Bibliosoneira

 Coa chegada da primavera, queremos compartir convosco unha serie de propostas de lectura na nosa lingua que consideramos moi axeitadas para o noso alumnado da ESO.

Para 1º da ESO recomendámosvos Camiño perigoso, de Ánxela Loureiro. Vén de reeditarse na colección Fóra de Xogo de Xerais, despois de ser publicada na colección Merlín no ano 2002. 


A historia está ambientada na época das revoltas irmandiñas na zona norte da provincia da Coruña. Unha rapaza de 13 anos emprende a busca para atopar aos seus pais, enfrontados ao señor feudal da zona. Nesta procura atopará amigos e inimigos e vivirá varias aventuras.

Para 2º da ESO, quentiño e acabado de saír do prelo, a nova publicación de Carlos Negro, Non cantan paxaros neste bosque. Tamén publicado na colección Fóra de Xogo, trátase dun libro de relatos que inclúe 9 propostas narrativas que teñen e común seren protagonizadas por alumnado de instituto e pertencer á temática do medo e o misterioso.


Para o alumnado de 3º e 4º da ESO traemos a serie de Berta Mir, detective. Trátase dunha serie de libros de Jordi Sierra i Fabra que pertencen ao xénero da novela de detectives. Berta Mir é unha rapaza de 18 anos que se fai cargo da axencia de detectives do seu pai en Barcelona despois de que este sufrira un intento de asasinato. O seu traballo como detective entrecrúzase cos seus estudos, a súa vida persoal e o seu grupo de rock preferido.

Ata o de agora, a serie está composta por 3 títulos: O caso do falso accidente (2018), O caso de papagaio que falaba de máis (2019) e O caso do chantaxista roibo (2020), publicados na colección Costa Oeste da Editorial Galaxia.








mércores, 10 de marzo de 2021

Exposición 8 de marzo

 O alumnado da materia de Literatura universal de 1º de Bach, coordinados pola súa profesora Lucía, prepararon unha estupenda selección de frases de escritoras universais para conmemorar o 8 de marzo. Aquí están:









luns, 8 de marzo de 2021

8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

 





Hoxe, 8 de marzo, conmemoramos o Día Internacional da Muller unha data recoñecida polas Nacións Unidas desde 1975 como unha xornada na que reivindicamos a igualdade e reflexionamos sobre a situación das mulleres na sociedade, celebrando os avances e facendo visible a loita das mulleres por superar os atrancos.

Queredes saber por que se celebra este día e non outro? Neste libriño ilustrado atoparedes a resposta.


Núria Martí Trampa de lume

Está á vosa disposición na Biblioteca, así como outros moitos relacionados co tema da igualdade. Seleccionamos unha pequena mostra de libros e películas que puidestes ver xa ao longo da semana pasada no expositor de fóra e tamén no moble da entrada. 

Aquí tedes algunhas imaxes desta pequena selección, pero lembrade que na biblioteca, no apartado de Igualdade, podedes atopar moitos títulos máis.