luns, 22 de febreiro de 2021

24 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA



MIÑA CASIÑA, MEU LAR

Este ano queremos conmemorar o Dia de Rosalía lembrando o poema "Miña casiña, meu lar", de Follas Novas, que será recitado-escenificado no patio polo alumnado de Obradoiro deTeatro e Artes Escénicas, acompañados por algunhas das súas compañeiras e compañeiros de 1º e 2º da ESO.

Neste poema, unha muller pobre conta un capítulo da súa loita diaria: a de sobrevivir. Esta muller,  despois de camiñar de Santiago ata Padrón, chega á súa humilde casa mollada e chea de fame. A pesar de que non ten nada e de que os seus avaros veciños lle negan o que a eles lles sobra, consegue o milagre da supervivencia facendo un humilde caldo de gloria e un bolo do pote co que calma a fame un día máis.

No seu fogar, á calor do escaso lume da súa lareira, goza do seu pequeno triunfo sobre a desgraza e a pobreza, e transmítenos a lección de como, con case nada, é quen de sobrevivir e de ser  libre e independente.

 Aquí  podedes ler o poema.



domingo, 21 de febreiro de 2021

ENCONTRO CON ROCÍO LEIRA

 Mañá luns recibiremos a visita da escritora Rocío Leira Castro, que ademais de ser unha autora de gran éxito, é case veciña nosa, pois naceu aquí mesmo, na Pereiriña (Cee)


Falará co noso alumnado de 3º da ESO e co seu profesor Lucas da Fontela sobre o libro co que estiveron traballando, Veleno en familia (Baía Edicións, 2019), que foi finalista do premio Vilar Ponte, e  que é, segundo o xurado, “unha radiografía da sociedade galega actual” con “dinamismo narrativo e polifonía de voces”, que realiza “unha excelente recompilación de fraseoloxía de linguaxe popular” e que contén “unha análise da situación específica das mulleres”.



Rocío é licenciada en Matemáticas e actualmente dirixe en Santiago de Compostela un centro de formación para universitarios.

Recibiu varios premios como o Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores (2009), o Premio Xosé M. López ardeiro (2015), o Avelina Valladares (2016) e o Premio de Poesía Manuel María (2017), e foi finalista noutros, como o xa citado Premio de Novela Vilar Ponte, en 2018, ou o Jules Verne de Literatura Xuvenil en 2019.

Ademais desta interesantísima novela, na nosa biblioteca podedes atopar tamén outras obras desta autora, como por exemplo, Universo Pitágoras ou Trescatorcedezaseis (2020). E estamos á espera de ofrecervos tamén a última, A afogada (2021) coa que vén de gañar o Premio Ánxel Fole de Narración Curta do Concello de Lugo.

DIA DA LINGUA MATERNA. COMO O CELEBRAS?

 O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 1999 e celébrase anualmente dende o 21 de febreiro de 2002 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. A Xunta de Galicia e a Rede de Dinamización Lingüística veñen sumándose nos últimos anos a esta celebración, contextualizándoa na nosa comunidade e orientándoa á promoción e transmisión da lingua galega. (Portal da Lingua Galega)



A mellor maneira de celebrar este día, non hoxe, senón todos os días do ano, é falando a nosa lingua. 

E para facelo cada día un pouquiño mellor, convidámosvos a seguir os vídeos desta moza, que moitos de vós xa coñecedes, en Tik Tok ou en YouTube:

DÍGOCHO EU!


E, como non, lembra ler moito. Xa sabes que a nosa Biblioteca agarda sempre a túa visita

xoves, 18 de febreiro de 2021

Día da Lingua materna (21 de febreiro) na Bibliosoneira: Xeliña fala galego

 Co gallo da celebración do Día da Lingua materna 2021, a Real Academia Galega compartiu na súa web un artigo de Valentín Arias escrito en 1968 no que reinvindicaba a lingua materna da súa filla Xela: "Xeliña fala galego". Este artigo difúndese xunto con outro de Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, no que se reivindica a transmisión xeracional do idioma: "Xeliña fala galego e o multilingüismo".



 A esta Xela, Xela Arias (1962-2003) dedicamos este ano o Día das Letras Galegas.  Non só estamos diante dunha poeta extraordinaria, senón tamén dunha magnífica tradutora que demostrou o seu bo facer adaptando á nosa lingua grandes clásicos da literatura uiversal. 

Na nosa Biblioteca atoparás a súa poesía e moitas destas traducións realizadas por ela: 






Celebra do Día da Lingua materna cun libro na nosa lingua!

Novidades na Bibliosoneira: O Souto dos catro ventos de María Oruña

María Oruña é unha escritora viguesa que ata o ano pasado coñeciamos a través da triloxía "Puerto escondido". Trátase de 3 novelas policíacas: Puerto escondido (2015), Un lugar a donde ir (2017) e Donde fuimos invencibles (2018), cuxo nexo común é a santiaguesa Valentina Redondo (tenente da Garda Civil) e os casos que investiga en distintas localidades cántabras.

  



A esta triloxía de novela negra súmase agora O souto dos catro ventos (2020), a tradución ao galego de El bosque de los cuatro vientos. A versión en galego non é so unha tradución (feita pola propia María Oruña), senón que engade material adicional que non se atopa na edición en castelán.



A novela está ambientada en San Estevo de Ribas de Sil, onde a investigación sobre a morte dun home no mosteiro está conectada coa lenda medieval dos 9 aneis a través da historia dunha muller que viviu en San Estevo en 1830. A historia da desamortización é contada a través da figura de Marina, unha muller adiantada ao seu tempo e que se enfronta ás convencións sociais da súa época.

Casualmente, a investigación realizada pola autora para a escrita do libro (detallada nos Apéndices da novela) deu pé ao descubrimento de parte deses aneis perdidos da lenda. Aquí tedes un enlace coa noticia do descubrimento e un vídeo moi curioso que explica a lenda dos 9 bispos.

Calquera destes catro libros está á vosa disposición na nosa Biblioteca!!

xoves, 11 de febreiro de 2021

CIENTÍFICA DO ANO

 

A piques de rematar o Día da Muller e a Nena na Ciencia, convidámosvos a ler  este artigo da revista dixital GCIencia, no que explica que a Real Academia Galega de Ciencias nomeou a xenetista Jimena Fernández de la Vega (1895-1984), a primeira licenciada en Medcina pola Universidade de Santiago de compostela,  como Científica do Ano 2021. Nel atoparedes tamén un resumo da súa biografía, 

É a segunda muller á que se lle dedica esta homenaxe. A primeira fora a oceanógrafa Ángeles Alvariño, no ano 2015.







mércores, 10 de febreiro de 2021

Día da muller e da nena na ciencia: outra suxestión que podes atopar na nosa biblioteca...

Outra boa lectura para celebra o Día da muller e da nena na ciencia (11 febreiro) que podes atopar na nosa Biblio é O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio M. Fraga.


O libro obtivo o I Premio María Victoria Moreno de Literatura xuvenil (2018) e conta unha historia ambientada nunhas colonias de verán en 1933: a amizade entre un rapaz e unha rapaza a partir da lectura dun bestiario cientifico.


martes, 9 de febreiro de 2021

DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

 Este xoves, 11 de febreiro, celébrase o DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA, co fin de dar a coñecer e facer visible o traballo e a participación das mulleres neste eido.

Na nosa biblioteca dispoñemos dunha boa selección de libros e materiais relacionados con isto, que podedes ir descubrindo nas vosas visitas. 

Pero hoxe queremos lembrar un libro que xa vos recomendaramos hai algún tempo, cando era novidade

Trátase dun relato moi interesante protagonizado por unha nena que quería dedicarse á ciencia nun tempo e nunha sociedade onde o que se esperaba dela era unha actitude e uns intereses moito máis tradicionais. 

Se non o coñecedes buscádeo na biblioteca, que vos vai gustar. Podedes lelo en galego, en castelán ou en inglés, como prefirades.

        

                                        

                                 


E se vos gusta moito, hai continuación:


Pero sobre todo, non esquezades que este título é só un exemplo, pero hai moitos máis. Non deixedes de vir pola biblioteca para comprobalo.

Felices lecturas!


domingo, 7 de febreiro de 2021

DE FÁBULA!

 Os grupos de Obradoiro de Teatro e Iniciación ás Artes Escénicas pasaron pola Biblioteca e atoparon este libro que acababa de chegar:


Trátasse dunha selección de fábulas de Esopo  adaptadas, dun xeito sinxelo e divertido, e en verso, polo escritor  Gonzalo Navaza

O libro gustoulles, as fábulas tamén, e pensaron que sería boa idea preparar algunhas delas e contárvolas. 

Coas restricións que todos coñecedes, a posta en escena non vai ser como desexaríamos, pero aínda así pensamos que vos van gustar.

Estade atentos esta semana previa ao Entroido, porque en calquera momento podedes ter a oportunidade de asistir a un espectáculo...

FABULOSO!

ALGUNHAS NOVIDADES

 Aquí podedes ir vendo  libros, cómics e outras publicacións que fomos adquirindo durante este curso e que vos imos ensinando.

Comezamos con:

Biblioteca inclusiva. Libros con temáticas diversas relacionadas coa inclusión, a iterculturalidade, a diversidade... e tamén libros dos chamados de "lectura fácil", máis acaídos para aquelas persoas que non lles gusta tanto ler, que o fan con algunha dificultade ou simplemente que prefiren libros "non tan gordos"

Algúns exemplos en galego:


Outros en castelán:

E tamén temos libros ilustrados, cómics e novelas gráficas con estas mesmas temáticas. Aquí podedes ver algúns exemplos


Todos eles e moitos máis agárdanvos na Biblioteca. Esperamos que vos gusten

Boa lectura!