sábado, 20 de marzo de 2021

PRIMAVERA DOS POETAS

 Hoxe entramos oficialmente na primavera, e mañá, 21 de marzo, celebramos o Día da Poesía.

Xa sabedes que na nosa Biblioteca dispoñemos de moitos libros de poesía, moita e moi diversa: clásica, moderna, contemporánea, máis coñecida ou menos, máis "fácil" ou algo menos doada de ler, en galego, castelán, francés, inglés...  Ao longo da semana podedes ver unha pequena mostra no expositor da entrada.

Pero desde aqui este ano queremos homenaxear aos nosos PROFES-POETAS, esas persoas que están no noso Instituto ou que pasaron por el recentemete, e que no seu tempo libre se dedican, entre outras cousas, a escribir.

Empezamos por un que coñecedes ben porque está actualmente no centro. Chámase Antón Recamán, e este é el e o seu poemario recentemente publicado:




Un poemario que, en palabras do propio autor, "nace do silencio". Se ledes   esta entrevista poderedes saber un pouco máis de Antón e da súa obra.


Outro dos nosos Profes-Poetas, que pasou connosco moitos anos e que moitos e moitas de vós lembraredes porque non hai moito aínda que marchou, é Anxo, ou Ângelo Brea


Podedes saber máis del e da súa obra se consultades a ligazón anterior, e aquí destacamos estes dous libros de poemas:



E, aínda que estamos a celebrar o Día da Poesía, temos que lembrar que Anxo tamén escribe narrativa, e dentro deste xénero destacamos Lembranças da Terra, un interesante libro de relatos de ficción científica que tamén podedes atopar na nosa Biblioteca:




E xa que falamos de narrativa, non queremos deixar de nomear outro dos nosos ex-profes que, aínda que é novelista e ata o momento non publicou poesía, nunca se sabe se nos dará algún día unha sorpresa. Trátase de Paulo Calvo, que estivo aínda o curso pasado connosco. 

Se queredes coñecelo un pouquiño mellor, podedes ler esta entrevista

Velaquí o temos, ao carón da súa novela A maldición de San Brandán




FELICES LECTURAS E FELIZ PRIMAVERA!



 


Novidades primaverais na Bibliosoneira

 Coa chegada da primavera, queremos compartir convosco unha serie de propostas de lectura na nosa lingua que consideramos moi axeitadas para o noso alumnado da ESO.

Para 1º da ESO recomendámosvos Camiño perigoso, de Ánxela Loureiro. Vén de reeditarse na colección Fóra de Xogo de Xerais, despois de ser publicada na colección Merlín no ano 2002. 


A historia está ambientada na época das revoltas irmandiñas na zona norte da provincia da Coruña. Unha rapaza de 13 anos emprende a busca para atopar aos seus pais, enfrontados ao señor feudal da zona. Nesta procura atopará amigos e inimigos e vivirá varias aventuras.

Para 2º da ESO, quentiño e acabado de saír do prelo, a nova publicación de Carlos Negro, Non cantan paxaros neste bosque. Tamén publicado na colección Fóra de Xogo, trátase dun libro de relatos que inclúe 9 propostas narrativas que teñen e común seren protagonizadas por alumnado de instituto e pertencer á temática do medo e o misterioso.


Para o alumnado de 3º e 4º da ESO traemos a serie de Berta Mir, detective. Trátase dunha serie de libros de Jordi Sierra i Fabra que pertencen ao xénero da novela de detectives. Berta Mir é unha rapaza de 18 anos que se fai cargo da axencia de detectives do seu pai en Barcelona despois de que este sufrira un intento de asasinato. O seu traballo como detective entrecrúzase cos seus estudos, a súa vida persoal e o seu grupo de rock preferido.

Ata o de agora, a serie está composta por 3 títulos: O caso do falso accidente (2018), O caso de papagaio que falaba de máis (2019) e O caso do chantaxista roibo (2020), publicados na colección Costa Oeste da Editorial Galaxia.








mércores, 10 de marzo de 2021

Exposición 8 de marzo

 O alumnado da materia de Literatura universal de 1º de Bach, coordinados pola súa profesora Lucía, prepararon unha estupenda selección de frases de escritoras universais para conmemorar o 8 de marzo. Aquí están:









luns, 8 de marzo de 2021

8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

 





Hoxe, 8 de marzo, conmemoramos o Día Internacional da Muller unha data recoñecida polas Nacións Unidas desde 1975 como unha xornada na que reivindicamos a igualdade e reflexionamos sobre a situación das mulleres na sociedade, celebrando os avances e facendo visible a loita das mulleres por superar os atrancos.

Queredes saber por que se celebra este día e non outro? Neste libriño ilustrado atoparedes a resposta.


Núria Martí Trampa de lume

Está á vosa disposición na Biblioteca, así como outros moitos relacionados co tema da igualdade. Seleccionamos unha pequena mostra de libros e películas que puidestes ver xa ao longo da semana pasada no expositor de fóra e tamén no moble da entrada. 

Aquí tedes algunhas imaxes desta pequena selección, pero lembrade que na biblioteca, no apartado de Igualdade, podedes atopar moitos títulos máis.







luns, 22 de febreiro de 2021

24 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA



MIÑA CASIÑA, MEU LAR

Este ano queremos conmemorar o Dia de Rosalía lembrando o poema "Miña casiña, meu lar", de Follas Novas, que será recitado-escenificado no patio polo alumnado de Obradoiro deTeatro e Artes Escénicas, acompañados por algunhas das súas compañeiras e compañeiros de 1º e 2º da ESO.

Neste poema, unha muller pobre conta un capítulo da súa loita diaria: a de sobrevivir. Esta muller,  despois de camiñar de Santiago ata Padrón, chega á súa humilde casa mollada e chea de fame. A pesar de que non ten nada e de que os seus avaros veciños lle negan o que a eles lles sobra, consegue o milagre da supervivencia facendo un humilde caldo de gloria e un bolo do pote co que calma a fame un día máis.

No seu fogar, á calor do escaso lume da súa lareira, goza do seu pequeno triunfo sobre a desgraza e a pobreza, e transmítenos a lección de como, con case nada, é quen de sobrevivir e de ser  libre e independente.

 Aquí  podedes ler o poema.



domingo, 21 de febreiro de 2021

ENCONTRO CON ROCÍO LEIRA

 Mañá luns recibiremos a visita da escritora Rocío Leira Castro, que ademais de ser unha autora de gran éxito, é case veciña nosa, pois naceu aquí mesmo, na Pereiriña (Cee)


Falará co noso alumnado de 3º da ESO e co seu profesor Lucas da Fontela sobre o libro co que estiveron traballando, Veleno en familia (Baía Edicións, 2019), que foi finalista do premio Vilar Ponte, e  que é, segundo o xurado, “unha radiografía da sociedade galega actual” con “dinamismo narrativo e polifonía de voces”, que realiza “unha excelente recompilación de fraseoloxía de linguaxe popular” e que contén “unha análise da situación específica das mulleres”.



Rocío é licenciada en Matemáticas e actualmente dirixe en Santiago de Compostela un centro de formación para universitarios.

Recibiu varios premios como o Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores (2009), o Premio Xosé M. López ardeiro (2015), o Avelina Valladares (2016) e o Premio de Poesía Manuel María (2017), e foi finalista noutros, como o xa citado Premio de Novela Vilar Ponte, en 2018, ou o Jules Verne de Literatura Xuvenil en 2019.

Ademais desta interesantísima novela, na nosa biblioteca podedes atopar tamén outras obras desta autora, como por exemplo, Universo Pitágoras ou Trescatorcedezaseis (2020). E estamos á espera de ofrecervos tamén a última, A afogada (2021) coa que vén de gañar o Premio Ánxel Fole de Narración Curta do Concello de Lugo.

DIA DA LINGUA MATERNA. COMO O CELEBRAS?

 O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 1999 e celébrase anualmente dende o 21 de febreiro de 2002 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. A Xunta de Galicia e a Rede de Dinamización Lingüística veñen sumándose nos últimos anos a esta celebración, contextualizándoa na nosa comunidade e orientándoa á promoción e transmisión da lingua galega. (Portal da Lingua Galega)



A mellor maneira de celebrar este día, non hoxe, senón todos os días do ano, é falando a nosa lingua. 

E para facelo cada día un pouquiño mellor, convidámosvos a seguir os vídeos desta moza, que moitos de vós xa coñecedes, en Tik Tok ou en YouTube:

DÍGOCHO EU!


E, como non, lembra ler moito. Xa sabes que a nosa Biblioteca agarda sempre a túa visita